Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE presenta iniciativas en todos os concellos e no Parlamento para esixir unidades de Hemodinámica e Radioterapia no HULA

O PSdeG de Lugo presenta unha batería de iniciativas en todos os concellos e no Parlamento para esixir as unidades de Hemodinámica e Radioterapia no HULA

Os socialistas invitan mañá aos veciños da provincia a unha charla ás 17.00 horas ne sede do PSdeG en Lugo para informar sobre a situación do hospital e iniciar accións comúns para que a Xunta instale estes servizos sanitarios

“Sabemos que isto non é un tema económico nin de operatividade, así que desde a Xunta terán que explicar que está pasando para permitir que os lucenses teñan o dobre de tasa de mortandade que o resto dos galegos”, afirma González Santín, que avanza que este será “un dos obxectivos clave desde xa” da política socialista na provincia, “cunha acción global”

O PSdeG de Lugo considera “un problema de grave incidencia a nivel provincial” a ausencia dos servizos de Hemodinámica e Radioterapia no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) e avanza que conseguir estas unidades para Lugo será “un dos obxectivos clave desde xa” da política socialista na provincia. Por isto, esta mañá o deputado autonómico e secretario de organización do PSdeG-PSOE en Lugo, Carlos González Santín, anunciou que xa teñen presentado unha batería de iniciativas no Parlamento galego, en concreto unha pregunta oral, unha pregunta escrita, unha pregunta en comisión e unha interpelación, para esixirlle á Xunta que actúe canto antes e dea explicacións sobre a “absoluta discriminación de Lugo” no tema sanitario “con respecto ás outras provincias galegas”.

O PSdeG tomará este tema como “unha prioridade” e realizará “unha acción global”, polo que onte á noite houbo xa unha reunión na que os voceiros de todos os concellos da comarca de Lugo decidiron presentar iniciativas nos seus respectivos municipios. Esta mañá xa foron rexistradas estas iniciativas en todos os concellos, tal e como explicou o coordinador do PSdeG na comarca e deputado provincial Álvaro Santos, que esta mañá acompañou a González Santín diante do HULA con representantes socialistas dos municipios da comarca. Estas accións trasladaranse tamén aos concellos de toda a provincia. Ademais, ao tratarse “dun problema de todos”, o PSdeG de Lugo fará mañá venres ás 17.00 horas na sede do partido unha charla de portas abertas á que poden acudir os veciños e asociacións que o desexen para falar sobre esta problemática e ir da man da xente apoiar as accións cidadás que sexan necesarias.

González Santín lembrou que as enfermidades cardiovasculares son “a principal causa de morte en Galicia e na provincia de Lugo”, e que o Sergas ten en funcionamento cinco unidades en Santiago, A Coruña, Vigo, Ourense e Pontevedra. “É unha discriminación inxustificada que non ten explicación, nin por causas de operatividade nin económicas, así que Feijóo e a Xunta terán que explicar por que non lles convén que Lugo teña estes servizos e que sexa a única provincia nesta situación”, asegura.

“A tasa de mortandade é o dobre con relación aos pacientes da Coruña”

O socialista critica que, no caso da Hemodinámica, en moitos casos os enfermos tardan máis dunha hora, ás veces ata dúas horas, en chegar á unidade máis cercana. “Na provincia de Lugo fanse máis de 1.000 cateterismos anuales, e só no HULA en 2011 houbo 422 pacientes con infarto agudo de miocardio; se non está xustificado que haxa hemodinámica, que alguén nolo explique”, afirma. Así, o tempo recomendado para a intervención quirúrxica desde o infarto é de menos de dúas horas, e en Lugo o tempo medio o ano pasado foi de 178 minutos. “A tasa de mortandade é o dobre con relación aos pacientes da Coruña”, incide.

Unha instalación que estaría amortizada economicamente en dous anos

González Santín explicou, asimesmo, por que a instalación da hemodinámica non é un tema económico. “O custo estimado anual do transporte sanitario a outra provincia é de máis de 500.000 euros, mentres que o custo da sala de hemodinámica é de 800.000 euros”, asegura, polo que “estaría amortizado en dous anos”, di. “Ademais, cónstanos que houbo ofrecementos de laboratorios para ceder equipos que rebaixarían o custo do servizo, así que alguén terá que explicar xa por que isto se rexeitou, e cales son as razóns de fondo”. Só oito provincias en toda España carecen de sala de hemodinámica nos seus hospitais. Todas teñen menos habitantes que Lugo.

No caso da Radioterapia, máis de 600 persoas con cancro son trasladadas ao ano desde Lugo a outras provincias “para realizar tratamentos que son de longa duración e con desprazamentos incómodos que causan graves problemas nas familias, xa que moitas veces os enfermos son atendidos a horas intempestivas, sen contar cos gastos que pode ocasionarlles se teñen que pagarlle a alguén para que os acompañe”.

Exit mobile version