Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE sorprendido porque o PP non se preocupa pola provincia

O PSdeG de Lugo amósase “sorprendido” de que “as grandes preocupacións de Barreiro sexan Besteiro ou o futuro PSOE” mentres “a provincia vai en picado”

“Pensabamos que o presidente do Partido Popular ía achegar hoxe a solución para Alcoa ou para Cosmos, ou algunha medida para os 28.000 parados da provincia, ou ía anunciar a Hemodinámica para Lugo, pero lamentamos que diso non teña moito que dicir”, afirman os socialistas

O PSdeG-PSOE de Lugo amosa a súa “sorpresa” tras a mensaxe transmitida polo presidente dos populares lucenses e voceiro do PP no Senado, José Manuel Barreiro, esta mañá tras reunir os medios de comunicación nun encontro informativo, xa que “as grandes preocupacións de Barreiro son Besteiro ou o futuro do PSOE” mentres “a provincia vai en picado”. Os socialistas afirman estar decepcionados porque pensaban que unha cita de tal importancia sería para lanzar unha mensaxe “relevante para os e as lucenses” como “a solución para Alcoa ou para Cosmos, da que hoxe hai nefastas noticias, algunha medida para os 28.000 parados da provincia, ou o anuncio da Hemodinámica para o HULA, pero parece que diso non ten moito que dicir”, lamentan.

O PSdeG lucense refírese deste xeito ás declaracións do popular sobre o secretario xeral e presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, “non referidas nin sequera a temas concretos de xestión que afecten aos cidadáns, senón a valoracións persoais”, e sobre o futuro do PSOE, do que opina que “sería positivo que atope o seu horizonte”, dixo. “Desde o PSdeG de Lugo cremos que máis positivo sería nestes difíciles momentos que o señor Barreiro se centrase en atopar un horizonte para todos os desempregados e para a ruína á que están levando á nosa provincia, que xa non parece pouco horizonte, en lugar de estar preocupado por outras cousas”.

Exit mobile version