Site icon Crónica3.com A Mariña

Presentan en Ribadeo o caderno Rachando inercias, unha iniciativa do CIM e Sonda Norte

ESTE SÁBADO PRESÉNTASE EN RIBADEO O CADERNO RACHANDO INERCIAS. A INICIATIVA XURDE DA COLABORACIÓN ENTRE O CIM E SONDA NORTE E PRETENDE “RACHAR COAS INERCIAS QUE SITÚAN ÁS MULLERES E Á LINGUA GALEGA NUNHA SITUACIÓN DE INFERIORIDADE”.

Ribadeo, 5 de decembro de 2012. O vindeiro sábado, 8 de decembro, preséntase en Ribadeo o caderno Rachando inercias. Segundo explican desde a Concellaría de Igualdade “ás portas do aniversario de Sonda Norte, despois de 11 meses de iniciativas que non teñen fin, presentarase este caderno. Esta iniciativa ven xestándose desde hai meses, froito da colaboración entre o Centro de Información ás Mulleres e Sonda Norte. Once mozas ribadenses unen o seu potencial artístico neste caderno que leva por título Rachando inercias. Un caderno exclusivamente feminino”.

Desde o CIM e desde a Concellaría de Igualdade sinalan que “as notas que caracterizan este iniciativa son impulsar e promover ás mozas creadoras, xa que ao igual que noutros eidos, as mulleres teñen máis dificultades de ter presenza no mundo artístico. Este caderno é unha simbiose entre o potencial da escrita destas autoras e a ilustración. Cada unha delas achegou unha foto ou ilustración e as outras mozas escribiron inspirándose na mesma. Este caderno conta con traballos feitos en galego, porque ao igual que as mulleres é un idioma que se encontra en situación de inferioridade, e por eso decidiuse promover e potenciar ao galego mediante a escrita de todos os textos en galego. Ademais contouse coa colaboración para este caderno da escritora consolidada Marica Campo”.

E engaden que “o seu coidado deseño corre a cargo dunha moza tamén sondanorteña, Xana Arias. O título Rachando inercias non ven máis que a salientar o que pretende o caderno, creadoras ribadenses xoves tentando rachar coas inercias que sitúan ás mulleres e á lingua galega nunha situación de inferioridade”.

A presentación erá lugar o vindeiro sábado, 8 de decembro, ás 18:30 horas no parque de San Francisco, na carpa alí instalada.

Exit mobile version