Site icon Crónica3.com A Mariña

Representantes da Deputación inauguran as XII Xornadas Mindonienses de arqueoloxía

O VICEPRESIDENTE DA DEPUTACIÓN INAUGURA AS XII XORNADAS MINDONIENSES DE ARQUEOLOXÍA

Este encontro contribúe a difundir e potenciar o patrimonio histórico e cultural da comarca

O programa contempla as conferencias de expertos da talla de Antón Reigosa e Aurelia Balseiro e unha visita ao Dolmen de Dombate e o Castro de Borneiro

Mondoñedo, 14 de decembro de 2012. O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, foi o encargado de inaugurar as “XII Xornadas Mindonienses de Arqueoloxía. Villaamil y Castro”, que se celebrarán esta fin de semana, na Casa da Xuventude de Mondoñedo, e que están organizadas polo concello en colaboración coa área de Cultura do organismo provincial.

O obxectivo que se persegue con estas xornadas, que se veñen celebrando dende o ano 2001, é dar a coñecer a calquera tipo de público afeccionado unhas nocións básicas e serias sobre arqueoloxía, da man de investigadores científicos e demais persoas formadas na materia, ao mesmo tempo que se pon en valor o patrimonio da comarca. Pretenden, dende a súa creación e tendo un grande éxito entre o público, achegar a ciencia á sociedade, xa que ademais da investigación científica, a divulgación tamén é un aspecto fundamental desta disciplina.

Durante a súa intervención, Antonio Veiga destacou “a importancia que adquire a organización de xornadas deste tipo de cara á recuperación, mantemento e difusión do patrimonio histórico e cultural da nosa comarca, o que permite pór en valor os nosos tesouros arqueolóxicos, podendo converterse nun reclamo turístico máis”.

A matrícula é gratuíta e pode facerse a través do enderezo electrónico xornadas.arqueo@terra.es, ou chamando por teléfono ao concello ao 982 52 40 03. O programa comeza coa conferencia “De mouros, mouras e tesouros. Seres encantados nos lugares de interese arqueolóxico do Concello de Mondoñedo” a cargo de Antón Reigosa. O sábado pola tarde, Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo, impartirá unha charla sobre “O ouro prerromano na Mariña Lucense: as xoias dos nosos devanceiros”, e o domingo 16, visitarase pola mañá o Dolmen de Dombate e o Castro de Borneiro, en Cabana de Bergantiños, A Coruña.

Exit mobile version