Site icon Crónica3.com A Mariña

So 4 concellos da provincia non se adheriron ao o protocolo da teleasistencia da Deputación

63 DOS 67 CONCELLOS DA PROVINCIA ADHERÍRONSE AO PROTOCOLO PRESENTADO POLA VICEPRESIDENCIA DA DEPTUACIÓN QUE GARANTE A CONTINUIDADE DO SERVIZO DE TELEASISTENCIA DOMICILIARIA

Antonio Veiga asegura que o regulamento de funcionamento e admisión de novos usuarios farase en colaboración cos concellos e espera que este sexa aprobado no pleno de xaneiro

Vicepresidencia insiste en que a Deputación de Lugo é a institución provincial que máis orzamento dedicará a servizos sociais en 2013

Lugo, 21 de decembro de 2012. Case a práctica totalidade dos concellos da provincia de Lugo, 63 de 67, asinaron o protocolo para o desenvolvemento da Teleasistencia Domiciliaria proposto pola Vicepresidencia da Deputación para garantir a continuidade de dito servizo tras a decisión do Goberno do Estado de suprimir a partida orzamentaria que o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, dedicaba, a través do IMSERSO, á cofinanciación do 65 por cento de dito servizo.

Antonio Veiga, vicepresidente da institución provincial e delegado de Benestar Social, afirmou, hoxe, durante a rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno que “grazas a esta iniciativa, a Teleasistencia Domiciliaria será cofinanciada ao 50 por cento pola Deputación e os concellos permitindo que máis de 1.400 lucenses poidan seguir vivindo no seu entorno habitual, cos beneficios recoñecidos por expertos que iso supón, e estando atendidos ante calquera situación de emerxencia as 24 horas do día durante todo o ano”.

“Somos conscientes – continuou Veiga- do esforzo que, nestes intres, supón cofinanciar ao 50 por cento a Teleasistencia Domiciliaria tanto para os concellos como para a propia Deputación que incrementa nun 15 por cento a súa aportación, pero entendemos que se trata dun servizo imprescindíbel para garantir o benestar dun colectivo vulnerábel que sen a Teleasistencia Domiciliaria quedaría desprotexido e en situación de exclusión dado que a maioría dos usuarios e usuarias son persoas cunha media de idade que supera os 80 anos e que viven soas”.

A principios de xaneiro, os protocolos asinados por concellos de todas as cores políticas remitiranse á Xunta de Goberno da institución para a elaboración dun convenio de colaboración e un regulamento sobre o funcionamento do servizo e os criterios de admisión de novos usuarios e usuarias que se levarán ao pleno do vindeiro mes para a súa aprobación para, posteriormente, poder sacar a concurso a adxudicación do servizo de Teleasistencia Domiciliaria. Neste senso, o vicepresidente insistiu en que “o regulamento elaborarase en colaboración cos concellos e recollerá criterios claros e transparentes para a inclusión de novos usuarios e usuarias”.

Dende a área de Benestar Social saliéntase e agradécese a responsabilidade amosada pola maioría dos alcaldes ao aceptar a proposta da Vicepresidencia; “responsabilidade que -segundo Antonio Veiga- non demostraron nin o Goberno central, nin a Xunta de Galiza quen non tivo a ben pronunciarse sobre este asunto e nin contestou ao acordo plenario desta Deputación no que se lle instaba a asumir a parte de cofinanciamento que se nega a aportar o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade”.

A Deputación de Lugo, a institución provincial galega que máis inviste en servizos sociais

Con respecto á reclamación administrativa presentada polo Partido Popular sobre o investimento da Deputación en materia de servizos sociais previsto nos orzamentos para 2013, Veiga afirmou non estar disposto a votar en contra dun informe preceptivo dun servizo técnico porque “nunca o fixen e nunca o farei, xa que estaría incorrendo nunha ilegalidade e nun delito que ten un nome que todos coñecemos”.

O vicepresidente pediu ao Partido Popular que “se informe antes de facer determinadas declaracións porque se ben é certo que a Xunta remitiu ás deputacións unha proposta de convenio para o financiamento dos servizos sociais, ningún ente o asinou e, en calquera caso, o investimento da Deputación de Lugo supera o plan concertado da Xunta. A de Lugo seguirá a ser a institución provincial galega que máis dedicará a servizos sociais o vindeiro exercicio sen deixar excluídos a determinados municipios por razóns de cor política”. Neste senso lembrou aos populares que “por motivos políticos as deputacións de Pontevedra e Ourense deixarán fóra do servizo de Teleasistencia Domiciliaria ao 77 por cento dos usuarios e usuarias ao non incluír concellos como os de Vigo e Pontevedra e ao 40 por cento ao excluír o concello de Ourense, respectivamente, e a Deputación de A Coruña non financiará a Teleasistencia Domiciliaria do 80 por cento de usuarios e usuarias ao deixar fóra os municipios de A Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela”.

Sobre esta asunto, dende a institución provincial conclúen que non tolerarán que “o PP empregue a súa recorrente estratexia de repetir mil veces unha mentira para que se converta en verdade”.

Exit mobile version