Site icon Crónica3.com A Mariña

59 asociacións e 48 concellos da provincia reciben axudas da Deputación por valor de 300.000 euros para melloras no rural

59 asociacións de 48 Concellos da provincia reciben axudas da Deputación por valor de 300.000 euros para melloras no rural
– O organismo provincial impulsa o sector primario e combate o paro e a sangría demográfica con un plan que permite ós colectivos veciñais e de gandeiros acondicionar vías, locais sociais, fontes, traídas de auga, cercados ou curros para o gando
– A concesión das subvencións foi aprobada este mércores polo INLUDES, na que foi a última reunión orgánica da entidade, que, cumprindo coa palabra dada polo Presidente, queda deste xeito disolta
– Fronte ó compromiso político e inversor da Deputación co rural, Besteiro lamentou que a Xunta paralice as axudas ás razas gandeiras autóctonas, unha decisión que perxudica especialmente ás explotacións da Montaña luguesa

Un total de 59 asociacións pertencentes a 48 Concellos da provincia recibirán axudas por un valor global de 300.000 euros para a dotación e mellora de servizos e infraestruturas no rural a través dun plan emprendido pola Deputación de Lugo, que, deste xeito, impulsa o sector primario, piar da economía lucense; e combate a taxa de paro e a sangría demográfica que padece o campo.

Con esta iniciativa do organismo provincial, os preto de 60 colectivos veciñais e de gandeiros beneficiados obteñen financiamento para acondicionar vías, locais sociais, áreas recreativas, traídas de auga, fontes, cercados de pastizais, curros para o gando ou depósitos para a extinción de incendios. As asociacións non poderían asumir por si mesmas estas obras, que aínda que de pequena entidade, teñen unha importancia vital para a calidade de vida e o traballo do rural. As actuacións subvencionadas puideron ser realizadas xa no 2012, ou ben a acometer ata o mes de xuño deste 2013. En tódolos casos, excepto un, os colectivos recibiron o 100% da contía que solicitaron, sendo 6.000 euros a cantidade máxima outorgada por entidade.

Última reunión do INLUDES

A concesión das subvencións foi aprobada na mañá deste mércores polo INLUDES, na que foi a última reunión orgánica da entidade que, cumprindo coa palabra dada polo Presidente no discurso de investidura deste segundo mandato, queda deste xeito disolta en 2013. “Disolvemos a Fundación Tor; transferimos os hospitais ó SERGAS, e agora, cumprindo coa nosa folla de ruta, disolvemos o INLUDES, co que simplificamos a estrutura administrativa da Deputación, gañando eficacia e eficiencia”, asegurou Gómez Besteiro.

Deste xeito, no Orzamento de 2013 a Deputación asume xa directamente os gastos e ingresos do INLUDES; e o groso do seu persoal pasará a reforzar a función principal da Deputación: a cooperación e asistencia ós concellos.

En 2011 xa se incorporaron 15 traballadores do INLUDES a departamentos estratéxicos da Deputación, fundamentalmente a Intervención, Contratación e Fondos Europeos. Sobre o resto dos traballadores -82 en total- o 13 de novembro do pasado ano a Mesa de Negociación Común, na que están representados todos os empregados públicos provinciais, tomou un acordo por unanimidade, segundo o que todos os traballadores do CENTRAD, da Granxa Gayoso Castro e do Servizo de Medio Ambiente seguirán nos seus postos. A única diferenza é que, en vez de depender do INLUDES, como ata agora, dende o 1 de xaneiro dependen da Deputación.

En canto ó resto de traballadores -os 26 que non están en ningunha destas 3 áreas (CENTRAD, Granxa Gayoso e Medio Ambiente)- asignaráselles destino de forma conxunta entre o 1 de xaneiro e o 15 de febreiro.

“Forte compromiso” co campo
O programa de axudas do INLUDES aprobado hoxe para impulsalo rural e mellorar a calidade de vida da xente que vive nel súmase a outras iniciativas impulsadas pola Deputación co mesmo obxectivo. Trátase, por un lado, do Plan de Comunidades Veciñais, grazas ó que 233 entidades asociativas dos 67 Concellos da provincia recibiron 2 millóns de euros en 2012, e para este 2013 está prevista no Orzamento outra partida de 2 millóns; e, por outro, do Plan de Obras e Servizos (POS), que a Deputación salvou en 2012 cunha achega de 2,1 millóns de euros despois de que Rajoy eliminase a achega do Goberno estatal, e que en 2013 volverá a poñer en marcha como está previsto nos presupostos provinciais.

Así mesmo, a Deputación segue adiante co primeiro centro de recría público en España. O organismo está executando, en solitario, 6 millóns de euros neste proxecto, e en 2013 incorpora un novo investimento de 1.350.0000 euros para seguir avanzando nesta ambiciosa iniciativa, que aforrará custes ós gandeiros e xerará un volume de negocio anual de 3 millóns de euros.

Fronte este “forte compromiso” político e inversor para revitalizalo campo e fixar poboación que mantén a Deputación de Lugo, Gómez Besteiro lamentou que a Xunta “nos sorprenda coa paralización das axudas ás razas gandeiras autóctonas, unha decisión que prexudica fundamentalmente á provincia de Lugo”, pois, da media de 860 explotacións que estaban sendo beneficiadas ó ano, a maioría situábase na Montaña luguesa e en Ourense. “Mentres uns reducen as súas axudas, outros seguímolas mantendo, as pesar do contexto de crise que nos toca a todos vivir”, indicou o mandatario provincial, lembrando ó mesmo tempo que, dende que Feijóo é Presidente da Xunta pecharon 1.100 explotacións de leite lucenses. “Iso non é loitar contra o problema demográfico, nin é loitar en favor do aproveitamento do territorio nesta provincia”, recalcou Besteiro.

Beneficiarios
Os 48 Concellos nos que desenvolven a súa actividade as 59 asociacións beneficiarias do plan de axudas ó rural do INLUDES son os seguintes: Cervantes, Cospeito, Guntín, Friol, Lugo, A Pontenova, Carballedo, Alfoz, Navia de Suarna, O Páramo, A Pastoriza, Antas de Ulla, A Fonsagrada, Guitiriz, O Corgo, Quiroga, Lourenzá, Taboada, Láncara, Barreiros, Palas de Rei, Cervo, Foz, Xermade, Pantón, A Pobra do Brollón, Abadín, Xove, Sarria, Mondoñedo, Pedrafita, Castro de Rei, Begonte, Ribas de Sil, O Incio, Bóveda, Castroverde, Trabada, Riotorto, Becerreá, Muras, Baleira, As Nogais, Vilalba, Monforte, Triacastela, Chantada e Pol.

Exit mobile version