Unha vez conseguidos todo los decretos do ano 2012, como concelleira do PSOE de Burela farei un balance do que supuxo para Burela un goberno do PP.
Comezamos o ano 2012, con uns presupostos de preto de 6.000.000 euros (998.316.000 pesetas). Con este ano a suba de impostos e taxas municipais (10%IBI, auga,….) tamén empezamos o ano con novos impostos como a de cobro por casamento, cobro por utilización de locais municipais, cobro por instalacións deportivas. E iso que na campaña electoral prometeu que non subiría os impostos. ¡O que ninguén pensaba era que ademais de subilos crearía outros novos!. Sen embargo non aparece partida económica para o que nos prometeron na propaganda electoral: axuda as escolas deportivas e axudas as asociacións. Para rematar o comezo do ano, apágannos as luces da estrada (segundo o PP, para aforrar) e deixa tirados aos comerciantes e veciños de Burela eliminando as luces do Nadal.
Neste ano contratan un sistema de control dixital de entrada e saída dos traballadores municipais facendo un investimento de máis de 8.000 euros (1.331.000 pesetas). Tendo en conta que temos un concelleiro de persoal non vemos positivo este gasto. Nos pensamos que ese aparello sérvelles soamente para saber se os empregados públicos chegaron a hora, ¡como os concelleiros ata as 9 en diante non entran a traballar!. Mais que lles pese, entéranse pola máquina a que hora entran, pero iso non implica que lles fagan traballar, iso queda na obriga, responsabilidade e cumprimento de cada un. Mellor sería que o concelleiro de persoal fixera o seu traballo e se deixara de gastos inútiles. Senón preguntámonos, cales son logo as funcións de este concelleiro?
No mes de marzo este goberno fai unha solicitude ao Ministerio de Facenda e administración pública solicitando un préstamo por falta de liquidez de 1.320.397,12euros (219.695.730 pesetas) comprometéndose a unhas medidas de control de gasto(redución de custe de persoal, redución de cargas administrativas aos cidadáns e empresas, subidas tributarias, supresión de exencións e bonificacións…. Sen embargo xa no informe de intervención que se axunta ao presupostos do ano 2013 nos informa que non se cumprirán ningunha destas medidas, pero os cartos vanse cobrar igual. O que nos fai desconfiar que este goberno vai hipotecar aínda mais do que está ao concello de Burela con unha falta de xestión.
No mes de xullo créase polémica coas contratacións que fai o concello. Segundo nos di o alcalde “vinculación nominal” (a dedo), solicítase unha lista ao INEM con nomes e apelidos de persoas afíns as súas ideas. Non se valora a profesionalidade dos traballadores, despois queixámonos de que as cousas non funcionen. Pero claro está que non se pode meter a todos, e iso crea conflitos, sobre todo con un paro que non deixa de subir, e que a finais de decembro do 2012 chega en Burela a 797 desempregados. (697 parados en decembro do 2011; 674 parados en decembre 2010). Ante esta situación como xestiona o Sr. Alcalde? Pois opta por despedir a persoal laboral fixo coa súa correspondente indemnización, para meter a traballadores do seu mesmo cor político. Temos o claro exemplo da técnico de emprego que lle ganou o xuízo ao concello e houbo que indemnizala con 15.000 euros (2.495.790 pesetas). ¡Outra mala xestión partidista!
No mes de xuño, aínda que en todo momento nos falan de control de gasto e austeridade, ou iso e o que predican cando lle di aos xubilados do concello que vai suprimir a comida anual. Encontrámonos dúas facturas de restaurantes con motivo das festas patronais por importe de 1.862,63 euros (309.915 pesetas). Todo un exemplo de austeridade.
No mes de setembro dende o PSOE poñemos un claro exemplo da labor do concelleiro de obras, o cal está cobrando unha dedicación exclusiva. Cinco longos meses en arranxar un tobogán do parque e non é capaz de solicitar unha subvención. Non é capaz de presentar ningún proxecto de futuro, ningunha obra nova, xa non se arranxan as rúas, non se lle presta atención ó parque onde xogan os nosos nenos, non podemos desfrutar dos nosos xardíns que xa non existen. Temos que ser os concelleiros do PSOE, a través de unha moción e de fotos na prensa, que se de conta de cómo están as augas do noso porto, un vertedoiro flotante onde se pode apreciar todo tipo de lixo ao lado da caseta de turismo. ¡Vaia promoción turística!
No pleno de setembro , as únicas propostas do goberno son as de aumentar o IPC (3,4%, en algúns casos ata o 4%) a maioría das taxas e impostos que pagamos os burelenses, crear novos impostos e retirar a paga extra aos funcionarios. Un destes impostos é para gravar aos propietarios que vendan fincas ou edificacións cun imposto sobre a plusvalía. É outro para cobrar unha taxa polo servizo de medición de ruído, ¡parece que non queren que os cidadáns reclamen contra os ruídos!.
En outubro contrátase un estudio de aforro enerxético,un estudio que nos vai custar 18.440 euros (3.068.158 pesetas) e que no lo facía a Deputación GRATIS. Visto que apagando as luces de baixo consumo que puxo o goberno anterior con tecnoloxía led polas estradas, non conseguen reducir o consumo eléctrico, deciden facer un estudio con unha empresa privada. Ao PSOE parécelle mais coherente que inverteran eses cartos en actuacións para acadar o aforro enerxético con paneis fotovoltaicos e con tecnoloxía led e así rentabilizar ao máximo os gastos correntes como fixo o goberno anterior, cambiando as luminarias antigas por outras de baixo consumo con unha subvención. ¡Agora teremos que pagar o estudo e logo facer as actuacións. Todo do peto dos burelaos!.
Pérdese ISO 14001, pérdense estrelas na bandeira verde, o concello non participa en actividades culturais como o seminario de jazz, non temos teatro, non se fan cursos de socorrismos para que os noso universitarios teñan un modo de sacarse unhas perras no verán para a axuda do curso, non se potencia o turismo … Sen embargo cóntase con tres dedicacións que lle supón ao concello un gasto de 100.559 euros (16.731.609 pesetas). Como esta cantidade lles parece pouca aos concelleiros, ¡para o labor que desempeñan!, están continuamente de viaxe cargándolle as dietas a todos os veciños de Burela, un total no ano 2012 de 12.888,68 euros (2.144.495 pesetas) ¡outra dedicación! Sen embargo despois de tanto viaxe, aínda non nos deron noticias sobre o acceso ó peirao que está varado, nin da limpeza do encoro de Rúa que segue esperando, non se ampliou a gardería nin a xunta deixo partida económica no seu presuposto, e o mais importante estase a desmantelar o Hospital da Costa, pérdense a diario servizos, estase a levar a xente a operar a outros sitios e o noso alcalde mira para outro lado.
Dende a miña perspectiva como concelleira do PSOE considero o 2012 un ano nefasto para o concello de Burela, con unha gran deforestación cultural, Burela deixou de ser un referente medioambiental e unha mala xestión do equipo de goberno que nos leva a hipotecarnos mais en vez de sacar o concello a diante con tanta dedicación. E o primordial, este goberno non mira polo intereses xeral dos veciños e veciñas de Burela se non por os seus intereses particulares e partidistas.
REMEDIOS LÓPEZ VILLAR