-O concelleiro de Deportes reafirma o compromiso do Concello de manter o bo nivel de utilización deste equipamento e seguir potenciando o seu uso a través de actividades e iniciativas
Cervo, 25 de xaneiro de 2013-A delegación de Deportes fixo balance do número de usuarios que frecuentaron a piscina municipal situada en Lieiro, do que se desprenden datos positivos que falan dun incremento de socios. En concreto, a piscina rexistrou o ano pasado un 27% máis de socios que hai dous anos, polo que o número de asociados aumentou en 145 entre decembro de 2010 e decembro do 2012. Neste cómputo inclúense tanto as persoas titulares do carné de socio como aquelas persoas que, sen ser titulares, benefícianse dos carnés de socio familiar.
Deste xeito, o número de asociados situouse a 31 de decembro do ano pasado nas 677 persoas. Uns usuarios que abonan unha cota mensual que inclúe o uso de todas as instalacións que alberga a piscina municipal, como son o vaso olímpico, o ximnasio e a sauna. Hai que ter en conta que nestes datos non están contabilizados os usuarios que acceden de forma puntual a calquera das instalacións a través do pagamento da entrada nin tampouco as persoas que utilizan bonos, polo que o número de usuarios reais é moito máis elevado. Ao mesmo tempo é de resaltar que a piscina acolle numerosos cursos de natación e de exercicios acuáticos aos que acoden este ano unhas 100 persoas entre socios e non socios.
Ademais, é destacable que hai numerosos clubs de natación que alugan unha ou varias rúas da piscina olímpica para realizar os seus adestramentos, xa sexa de forma periódica ou puntual. É o caso dos clubs de Xove, Villa de Navia (Asturias), Portamiñá (Lugo), Ferrol, Marina Ferrol ou da asociación Burgo de Trasbar. No 2012 a piscina tamén acolleu eventos deportivos como o Campionato Galego Máster de Natación Open que se celebrou no mes de maio. Destacar tamén, xa neste ano, a utilización das instalacións por parte de catro deportistas profesionais galegos que se preparaban para as probas clasificatorias do Campionato Mundial de Barcelona.
O edil de Deportes, Luis Guillén, asegura que “a piscina é un equipamento estratéxico dentro da área de Deportes que precisa un grande esforzo de mantemento e coidado”. A un tempo o edil considera que esta tendencia á alza no número de socios, que se vén producindo de forma continuada nos últimos anos, “está directamente relacionada coa boa xestión destas instalacións municipais por parte do Concello”.
Deste xeito Guillén, como edil que vén de incorporarse ao goberno local recentemente, manifesta que pretende “manter o bo nivel de utilización da piscina e seguir ofrecendo actividades e cursos que a fagan máis atractiva para que cada vez máis veciños se beneficien dunhas instalacións públicas de saúde e benestar” e deste xeito “seguir implicando á cidadanía na práctica do deporte”.