Martínez subliñou que “esta única subvención que nos outorga o Goberno galego é mostra dos continuos recortes que está a aplicar Feijóo ás políticas activas de xeración de emprego na Comunidade”. Segundo datos oficiais, no caso deste programa para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local, a Xunta recortou o seu orzamento en máis dun 60% dende 2009, pasando dos 6 millóns de euros ós 2 millóns de euros. Nembargantes, a partida total que adica o Goberno galego á promoción de emprego rebaixouse en máis de 400 millóns de euros nos últimos catro anos. “Isto supuxo que a taxa do paro se incrementase nun 40% dende 2009, pasando dos 17.000 parados que deixou o anterior Executivo autonómico ós 28.000 que acadou o Partido Popular”, denunciou o voceiro tras comparar os datos ofrecidos polo Servizo Público de Emprego.
As políticas do “austérico Feijóo”
O Deputado informou que, segundo constata o Orzamento da Xunta para 2013, a partida para a promoción de emprego volta a sufrir un novo recorte este ano superior ó 40%, con 137 millóns de euros menos que no 2012, mentres que os fondos para benestar, sanidade e educación se reducen en 160 millóns de euros. “Os expertos xa aseguran que as políticas do austérico Feijóo suporán que Galicia bata o récord do desemprego no primeiro trimestre do ano con 300.000 galegos no paro. É dicir, o home que no 2009 se proclamou como o defensor do paro, asegurando ter a fórmula para rematar con esta lacra en 100 días, convertese no destructor do emprego na Comunidade. As políticas do austérico Feijóo están a contribuír, ademais, á constante perda de poboación en Galicia onde Lugo xa baixou dos 350.000 habitantes por primeira vez dende que existen datos oficiais do padrón”.
A Deputación tenta “contrarrestar” estes recortes
Martínez destacou que “dentro das nosas posibilidades”, tendo en conta que o Orzamento da Deputación para 2013 é de 89,4 millóns de euros fronte ós case 8.500 millóns da Xunta de Galicia, “tentamos contrarrestar estes recortes na provincia, marcando como prioridades do noso Presuposto para este ano a creación de emprego e o benestar social co obxectivo de fixar poboación”. O voceiro subliñou que a Deputación incrementou este ano nun 63% as políticas activas de emprego, con proxecto dotados de 7,5 millóns de euros, e aumentou os fondos para benestar social nun 12%, cunha partida de 2,2 millóns de euros, que se engaden ós 15 millóns de euros para a rede de residencias e centros de día públicos na provincia.