Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación financiará ós 49 concellos do Innova-TE a creación de prazas e casas consistoriais con acceso wifi

IMG_8955O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado polo Director de Fondos Europeos e Novas Tecnoloxías do organismo provincial, Pablo Rivera, presentou esta mañá unha nova iniciativa tecnolóxica que a institución lucense pon en marcha co fin de combater a fenda dixital e facilitar que os veciños da provincia coñezan e aproveiten os beneficios da utilización das TIC. O proxecto, que mañá será aprobado pola Xunta de Goberno, consiste na dotación totalmente gratuíta de novos espazos wifi ós 49 Concellos da provincia de todas as cores políticas que, voluntariamente, se adheriron ó programa Innova-TE. A Unión Europea financia ó 80% os traballos, que conta con un orzamento de 215.000 euros.

Besteiro avanzou que os traballos darán comezo nuns dous meses tras rematar os trámites administrativos previos. Crearanse 3 puntos wifi en cada municipio, 2 nas prazas consistoriais e 1 máis no interior dos propios edificios, cunha velocidade de 256 Kas por segundo, que é a velocidade máxima legal permitida ás administracións públicas.

Isto facilitará que os usuarios destes puntos wifi accedan de xeito inmediato e dende calquera dispositivo móbil (ordenador, PDA, portátil ou teléfono) a espazos web coma páxinas institucionais, redes sociais ou correos webmail.

Pola súa banda, Pablo Rivera recalcou a boa acollida que este tipo de servizo ten entre a cidadanía, poñendo como exemplo o propio acceso wifi que a Deputación puxo en marcha hai un ano na praza e nos xardíns de San Marcos. Rivera explicou que, dende entón, unhas 54.000 persoas utilizaron a rede, cunha media diaria de 150 usuarios, o que pon de manifesto ou seu éxito. Rexistráronse entradas en 8,5 millóns de espazos web, con unha media de 23.000 páxinas ó día.

Concellos adheridos ó Innova-TE
Os municipios que se sumaron ó programa Innova-TE son os seguintes: Abadín, Baleira, Baralla, Becerreá, Begonte, Burela, Carballedo, Castro de Rei, Castroverde, Cervantes, Cervo, Chantada, O Corgo, A Fonsagrada, Foz, Friol, Guitiriz, O Incio, Láncara, Lourenzá, Meira, Mondoñedo, Monforte, Monterroso, Muras, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Palas de Rei, Paradela, O Páramo, A Pastoriza, Pedrafita, A Pobra do Brollón, Pol, A Pontenova, Portomarín, Quiroga, Rábade, Ribadeo, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín, Riotorto, Samos, Sarria, Sober, Taboada, Triacastela e Viveiro.

Exit mobile version