Site icon Crónica3.com A Mariña

A piscina municipal de Lieiro acolle nestes días o adestramento de catro nadadores internacionais

Catro nadadores internacionais prepáranse na piscina de Lieiro para o Campionato Mundial de Barcelona

A edil de Deportes quixo coñecer de primeira man como se estaban desenvolvendo os adestramentos e se a piscina cumpría coas súas expectativas

Cervo, 5 de xaneiro de 2013-A piscina municipal olímpica de Lieiro está sendo nestes días o lugar de adestramento de catro nadadores internacionais, que se preparan para as probas clasificatorias que se disputarán a finais de marzo para conseguir un oco no Mundial de Natación Barcelona 2013. A edil de Deportes, Yolanda Pedreira, achegouse ata as instalacións deportivas para interesarse pola súa estancia en terras cervenses e coñecer o seu grao de satisfacción despois de 7 horas diarias de adestramento na piscina durante varias xornadas.

Así, estes días os usuarios habituais da piscina comparten espazo con Bea Gómez, nadadora olímpica que participou nos Xogos de Londres e campioa do mundo junior; María Vilas, campioa de Europa junior; Manuel Davila, campión de España; e Xenia Vilariño, segunda na copa de Europa de Augas Abertas.

Estes mozos, de entre 16 e 22 anos, están acompañados polo director técnico da Federación Galega de Natación, José Rivera, e ao tempo o seu adestrador, que explicou á delegada de Deportes que para os nadadores profesionais resulta moi estimulante saír do contorno habitual de adestramento, neste caso o Centro Galego de Tecnificación Deportiva, en Pontevedra e onde se atopan concentrados durante todo o ano.

“Rivera transmitiume que a piscina olímpica de Lieiro reúne todas as condicións necesarias para que estes mozos poidan realizar a súa preparación de cara a unhas probas tan importantes como son as clasificatorias para o Mundial de Barcelona”, asegura Pedreira. A súa estancia no municipio será dunha semana, dende o luns pasado ata o vindeiro día 7 xa que, segundo o adestrador, é un período abondo para conseguir os obxectivos marcados.

“Dende o Concello estamos moi satisfeitos de contar entre os nosos usuarios con estes campións e tamén por comprobar día tras día que a nosa piscina serve de lugar de adestramento para moitos nadadores, tanto profesionais como aspirantes a selo” remata a concelleira de Deportes.

Exit mobile version