Site icon Crónica3.com A Mariña

A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña denuncia os recortes no gasto corrente no Hospital da Costa

A Conselleira de Sanidade da a razón á Plataforma na Defensa da Sanidade Publica da Mariña cando denunciabamos a desaparición da Área Norte de Saúde coa aplicación do Decreto de Xestión Integrada en Lugo.

Acusan ao PP de mentir cando negaban a modificación do mapa sanitario que agora anuncia a Conselleira de Sanidade nun medio de comunicación da provincia asegurando que nesta lexislatura aplicarase o Decreto de Xestión Integrada en Lugo.

A mobilización social freou en 2010 as intencións da Xunta de desmantelar a área Sanitaria Norte coa aplicación do Decreto que vai en prexuízo dos pacientes coa perda de servizos ao abrir as portas á mobilidade do persoal sanitario e a centralización da xestión en Lugo.

A Mariña, 25 de xaneiro de 2012. A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña acusou ao PP de mentir en 2010 cando negaban a modificación do mapa sanitario de Galiza e a aplicación do Decreto de Xestión Integrada. Para a Plataforma as recentes declaracións da Conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, nas que anunciaba a aplicación do Decreto en Lugo na actual lexislatura non só dan a razón á Plataforma senón tamén descobren as mentiras dos representantes do PP na comarca.

A mobilización cidadá parou a aplicación do Decreto de Xestión Integrada en 2010 e volverá a ser necesaria para paralo na actualidade.

A mobilización da cidadanía obrigou en 2010 a parar as intencións da Consellaría de Sanidade de aplicar o Decreto de Xestión Integrada na Provincia de Lugo sacando á rúa milleiros de persoas conscientes de que este decreto suporía o desmantelamento da Área Sanitaria Norte coa perda de autonomía, mobilidade do persoal sanitario e progresiva perda de servizos e calidade sanitaria na comarca da Mariña da que dependen 14 concellos e mais de 70.000 persoas. Para a Plataforma as declaracións recentes da Conselleira de Sanidade “dan a razón ás alertas que faciamos en 2010 e volven facer necesaria unha contestación contundente para impedir as intencións do goberno galego”.

As mentiras dos representantes do PP na comarca saen á luz coas declaracións públicas da Conselleira e demostran que a Plataforma tiña razón cando alertaba da aplicación en Lugo do Decreto.

Segundo afirmou a Plataforma, “as mentiras dos representantes do PP na Comarca tiveron un recorrido de dous anos pero até aquí chegamos xa que é a propia Conselleira quen as destapa”, e engadiron que “cando o PP dicía que o Decreto de Xestión Integrada non chegaría a Lugo mentían, igual que mentían e seguen mentindo cada vez que anuncian ampliacións no Hospital da Costa colapsado dende fai anos”. E evidente, afirmaron, “que as nosas denuncias non estaban erradas, adiantábanse a unha situación que agora a Conselleira ven a confirmar” .

Os recortes orzamentarios 2013 en asistencia primaria e especializada son un avance da folla de ruta que o PP xa está aplicando noutras comunidades.

Dende a Plataforma denunciaron que os recortes no gasto corrente no Hospital da Costa en mais de dous millóns de euros e en 12,7 en asistencia primaria na provincia “son un avance das intencións do PP de aplicar en Galiza a mesma folla de ruta que o mesmo partido está executando en comunidades como Madrid ou Castela A Mancha coa privatización de servizos sanitarios, peches selectivos de centros de saúde e recortes de persoal sanitario” . A Plataforma vinculou os recortes orzamentarios para 2013 ao progresivo desmantelamento da calidade asistencial na sanidade pública executado polo goberno de Núñez Feijoo, que pola contra non deixa de derivar pacientes á sanidade privada á que se destinan cuantiosos recursos económicos.

Exit mobile version