Antonio Veiga destaca a función educativa e de equilibrio territorial deste proxecto ao que a área de Benestar aportará 10.000 euros
Lugo, 11 de xaneiro de 2013. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das Áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, presentou, esta mañá, o programa ‘Educando en Familia, que a institución provincial, en colaboración coa asociación que leva o mesmo nome, Educando en Familia, porá en marcha co obxectivo de desenvolver o potencial educativo dos adultos, transmitíndolles competencia e protagonismo na educación dos seus fillos.
Para conseguir este obxectivo, ofrecerase asesoramento ás familias para que poidan dar resposta ás necesidades dos rapaces e rapazas e que poidan estar atentos ás etapas evolutivas polas que van pasando, facilitando a súa abordaxe con seguridade; trátase de dotar aos pais de instrumentos necesarios para ofrecerlle aos seus fillos a oportunidade de que desenvolvan até onde sexa posible todas as súas capacidades e aptitudes. O proxecto ‘Educando en Familia’ permite incorporar e enfatizar o papel do núcleo familiar na educación.
Veiga destacou “a importancia deste programa non só na educación dos rapaces e rapazas senón tamén na procura do equilibrio territorial e de garantir a igualdade de oportunidades. A despoboación e a dispersión existente no medio rural impide, en moitas ocasións, acceder a programas semellantes, carecendo e limitando as posibilidades das familias de acceder a servizos que completen a súa labor educativa”.
Neste senso, Veiga insistiu “na necesidade de pór en marcha un sistema educativo pensado para a infancia e promover actividades en coordinación con outros colectivos dedicados á formación integral dos rapaces e rapazas e buscar novos apoios en función das demandas e necesidades da comunidade coa finalidade de ofertar, promover e garantir unha sociedade máis comprometida a través da implicación das familias e das entidades no desenvolvemento deste servizo”.
Dende a Vicepresidencia da Deputación apóstase por modelos educativos abertos que teñen en conta a diversidade de necesidades, horarios, situacións, dimensións e posibilidades existentes das familias e que se poden encadrar dentro do dereito fundamental á educación.