Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta alerta dun temporal de nivel laranxa que afectará a partir da medianoite a todo o litoral galego

A XUNTA ALERTA DUN TEMPORAL DE NIVEL LARANXA QUE AFECTARÁ A PARTIR DESTA MEDIANOITE A TODO O LITORAL GALEGO

As ondas poderán oscilar entre os 4 e 5 metros de altura, podendo acadar os 6 metros na costa de Lugo na noite do domingo

Santiago, 26 de xaneiro de 2013.- A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza alerta dun temporal de mar de nivel laranxa que afectará ao litoral das tres provincias costeiras galegas, a partir desta media noite.

Segundo as predicións da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), espérase que a partir das 00.00 horas de mañá se produza un fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa con mar de fondo do noroeste e ondas que poderán oscilar entre os 4 e 5 metros de altura, podendo acadar os 6 metros na costa de Lugo ao final do día 27.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos das tres provincias afectadas; ás Deputacións, servizos provinciais e asociacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

Tamén recórdaselle á poboación a importancia de seguir as medidas de protección como evitar aproximarse a diques ou rompentes co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos ou vixiar posibles caídas de obxectos desde balcóns e fiestras. Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.

Exit mobile version