Site icon Crónica3.com A Mariña

Antonio Veiga reuniuse con representantes sindicais para valorar a situación económica e social da comarca

rDSC_8590O BNG ACUSA AO PP DE CONVERTER A MARIÑA NA CAPITAL DO PARO E DA DESTRUCIÓN DO TECIDO INDUSTRIAL

Os nacionalistas piden unha vez máis ao Goberno galego que aprobe as medidas compensatorias anunciadas durante a pasada lexislatura tras o feche de factorías claves no tecido económico da Mariña

A Mariña, 22 de xaneiro de 2013. O responsábel do Bloque Nacionalista Galego (BNG) na Mariña, Antonio Veiga, reuniuse, esta mañá, na Casa Sindical de Viveiro, cos secretarios comarcais de UGT, CC.OO. e CIG para facer unha análise económica e social da comarca, que todos coincidiron en afirmar en que está a ser unha das máis afectadas da provincia pola situación de crise actual agravada polas políticas dos gobernos central e galego dirixidas a controlar o déficit público, a pesar de todas as voces que alertan dos perigos de seguir con esa estratexia.

Neste senso, Veiga engadiu que “o Partido Popular está a converter á comarca na capital do desemprego e do desmantelamento do tecido industrial. A Mariña é a comarca lucense onde máis se incrementou o paro nos útlimos dous anos concentrando xa a cuarta parte de todos os desempregados.O paro aumentou en todos os concellos tras o feche de factorías emblemáticas e claves para o desenvolvemento económico da zona como Ecar,Móbeis Hermida, Mon, Cemar e outras que reduciron drásticamente as súas plantillas como Sargadelos”.

Dende a formación nancionalista insisten en que “a todos os parados das grandes fábricas hai que engadir os desempregados procedentes do sector servizos e os autónomos, obrigados a fechar os seus negocios depois das últimas reformas do Goberno do Estado e porque, ademais, o Executivo de Feijóo prefire apoiar, dende o IGAPE, proxectos abocados ao fracaso e rexeitar outros máis viábeis presentados por pequenas e medianas empresas. O feche de PEMES e a desaparición de autónomos, debido ao seu elevado peso na economía da Mariña, están pondo en risco de exclusión social a moitas familias da comarca que teñen a todos os seus membros en paro”.

Unha vez máis, Antonio Veiga, volveu pedir á Xunta de Galiza a posta en marcha de plans especiais para revitalización económica e social da Mariña, cuxa realidade leva desvirtuada desde hai 5 anos cando comezou a crise e recordou que “o Goberno galego, na anterior lexislatura, se comprometeu a aprobar medidas compensatorias para a comarca tras o feche do groso do tecido industrial das que nada se volveu saber”.

Exit mobile version