Site icon Crónica3.com A Mariña

Balseiro, López Penabad e Valín reuníronse coa conselleira de Traballo e Benestar para falar sobre a residencia de Ribadeo

Esta tarde no despacho oficial de Beatriz Mato en Santiago de Compostela

BALSEIRO, LÓPEZ PENABAD E VALIN MANTIVERON UNHA XUNTANZA COA CONSELLEIRA DE TRABALLO E BENESTAR SOBRE A RESIDENCIA DE RIBADEO

• A conselleira asumiu o compromiso de recibir, nas vindeiras datas, á Comisión pro-residencia da terceira idade de Ribadeo

Santiago 7 de xaneiro de 2013.- Na tarde de hoxe representantes do Partido Popular mantiveron un encontro coa conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, no que falaron sobre a residencia para a terceira idade de Ribadeo. Na cita coa titular deste departamento autonómico estiveron presente o deputado e secretario do Parlamento de Galicia, Jose Manuel Balseiro, o presidente local do PP en Ribadeo, Jesús López Penabad e o portavoz do Grupo Popular municipal, Manuel Valín.

A xuntanza serviu para que Beatriz Mato asumira o compromiso de recibir nas vindeiras datas á Comisión Pro-residencia da terceira idade de Ribadeo e estudar a fondo canta información queira transmitirlle en relación con este asunto.

Os populares valoran a receptividade da titular do departamento de Benestar da Xunta e sinalan a súa disposición para falar sobre a dotación dos servizos de atención ás persoas maiores existentes neste municipio e no conxunto da Mariña lucense.

A conselleira trasladoulles que unha das prioridades da acción social e de benestar da Xunta de Galicia é avanzar na atención das necesidades daquelas persoas maiores que, pola súa idade, circunstancias persoais ou de saúde, están en situación de dependencia e nese senso sinalou que elaborar o mapa de servizos axeitado para atendelas require un estudo prudente e rigoroso para non cometer erros de planificación nun ámbito tan delicado e sensible.

Exit mobile version