Viveiro, 28 de xaneiro de 2013. O deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Parlamento de Galiza, Cosme Pombo, e o responsábel comarcal da formación na Mariña, Antonio Veiga, alertaron, esta tarde, das consecuencias que están a ter os recortes que a Xunta de Galiza e o Goberno do Estado están aplicando nos servizos sociais e que están afectando, especialmente, aos concellos máis pequenos do rural lucense e que, ademais, corresponden coas localidades con maior avellantamento.
Pombo denunciou que “no tempo que leva o Partido Popular no poder, milleiros de maiores lucenses estiveron a piques de quedar desatendidos e desprotexidos; primeiro porque a Xunta deixou aos concellos de menos de 20.000 habitantes sen Servizo de Axuda no Fogar (SAF) básico e, segundo, porque o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade sumprimiu a súa cofinanciación ao Servizo de Teleasistencia Domiciliaira. Os populares pretenderon rematar con dous servizos vitais para milleiros de maiores que seguen a recibir atención grazas á responsabilidade e ás políticas da Vicepresidencia da Deputación Provincial, que asumiu a totalidade do investimento que require a Axuda no Fogar e artellou un convenio de colaboración con todos os concellos para garantir a Teleasistencia. A primeira das consecuencias deste modelo excluínte e clasista é que os concellos da Mariña, durante este ano 2013, non recibirán ningunha axuda económica da Xunta para o Servizo de Axuda no Fogar básico”.
“O modelo de servizos sociais de Feijóo e Rajoy -continuou o deputado galego- estase a demostrar ineficaz e ineficiente e contrario ao que o pobo precisa. O Partido Popular defende un modelo pensado para atender aos galegos e galegas das cidades e que teñen recursos para financiarse residencias, coidadores, próteses, ambulancias ou outros servizos. Dende o BNG seguiremos defendendo os servizos sociais públicos e de calidade fronte aos dirixentes populares que entenden os servizos sociais e a sanidade como una mercadoría e non como un dereito que, ademais, pode constituír un nicho de emprego que pode constituírse como unha vía que axude á recuperación económica e social do país”.
Dende o BNG insisten en que se están aplicando recortes a colectivos que precisan de coidados e atención especial. En Galiza existen máis de 25.000 persoas con dereito recoñecido á prestación da dependencia pero que aínda non reciben ningunha axuda; situándose esta lista de espera á cabeza do Estado. Neste senso, Antonio Veiga asegurou que “o Partido Popular está a ser o único culpábel de que os servizos sociais estean a desaparecer como terceiro alicerce do Estado de benestar”.