Site icon Crónica3.com A Mariña

Cosme Pombo, Antonio Veiga e outros membros da exectuiva manterán o luns encontros en San Cibrao e Viveiro

O BNG DEBATERÁ EN VIVEIRO SOBRE OS RECORTES DA XUNTA AO SISTEMA GALEGO DE BENESTAR

A formación nacionalista denuncia que “os galegos e as galegas non se benefician de vivir nun país excedentario de produción e transformación eléctrica a pesar de soportar custes sociais e medioambientais”

A Mariña, 26 de xaneiro de 2013. Cosme Pombo, deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Parlamento de Galiza, acompañado do responsábel comarcal da formación na Mariña, Antonio Veiga, e doutros membros da executiva, manterán, o vindeiro luns, 28 de xaneiro, un encontro co comité de empresa de Alcoa en San Cibrao para coñecer de primeira man a situación laboral dos seus traballadores tras a aprobación da orde referida ao servizo de interrumpibilidade, así como coñecer como avanzan os plans de substitución do fuel por gas previstos para este ano. Esta xuntanza celebrarase nas instalacións que Alcoa ten en San Cibrao ás 12:30 horas.

Ambos representantes nacionalistas reuniranse, tamén, coa Plataforma Contra os Abusos das Eléctricas, ás 17:00 horas en San Cibrao, para abordar os principais problemas que se atopan os consumidores coas empresas eléctricas, referidos, principalmente, aos contadores e á facturación.

Segundo explican dende o Bloque Nacionalista Galego, o obxectivo deste encontro coa Plataforma Contra os Abusos das Eléctricas será recoller información para a elaboración de iniciativas que se presentarán en todos os concellos e no Parlamento de Galiza instando á consellería de Industria e ao Ministerio de Industria a adoptar medidas correctoras contundentes que eviten os graves abusos que estas empresas están cometendo. Situación que responde á lóxica de gobernar do PP, despreocupado dos intereses do pobo.

Dende o BNG denuncian que os galegos e as galegas non se benefician de vivir nun territorio excedentario na produción e transformación eléctrica. Galiza é un país excedentario na produción eléctrica e os custes de transporte enerxético son considerabelmente máis reducidos que noutras comunidades non produtoras, pero esta circunstancia non repercute na baixada dos prezos aos consumidores que, ademais, teñen que soportar os custes sociais e medio ambientais da produción e transformación enerxética.

Cosme Pombo completará a súa visita á comarca da Mariña cun encontro en Viveiro, ás 20:00 horas, no local do BNG, cos militantes, simpatizantes e cargos orgánicos do partido, no que se debaterá sobre os recortes do Goberno galego no Sistema Galego de Benestar e as súas consecuencias, principalmente nos concellos rurais e nos que o índice de avellentamento é máis elevado.

Exit mobile version