Site icon Crónica3.com A Mariña

Del Riego e “O Mundo de Galea”

DEL RIEGO E “O MUNDO DE GALEA”

O día 7 do actual cómprese o centenario do nacemento do ilustre intelectual galeguista don Francisco Fernández del Riego, Fillo Predilecto de Lourenzá: avogado, escritor, historiador e político nos tempos en que éstes – os políticos- eran, segundo as súas palabras, “románticos, non buscaban compensacións, traballaban só por ideais, cunha pureza e unha autenticidade admirables”. Ou sexa, nada que ver co de hoxe en día.
Tan insigne persoeiro recibiu ao longo da súa vida- 97 anos- os mais importantes galardóns que se reservan a aqueles que de tal xeito honran a súa terra: Pedrón de Ouro, Medalla Castelao, Premio Trasalba, Medallas de Ouro de Galicia ou da Cidade de Vigo e da Universidade de Santiago, Galego Egrexio … Foi Presidente da R.A.G..
Polo que á Mariña respecta foi investido por “O Mundo de Galea” como “Cabaleiro do Mariscal Pardo de Cela” en 2008, para o que debido aos serios atrancos de mobilidade, preto de medio cento dos seus membros desprazáronse a Vigo, onde residía, para en solemne acto, proceder á investidura en dependencias do Hotel Avión engalanadas con artísticas alusións ao seu pobo e á Ruta Pardo de Cela. Este cronista, voceiro do colectivo, iniciou o acto, dicindo: “ Estas que o acompañan son as súas xentes, as xentes da bisbarra que ten para vostede o corazón en Vilanova; daqueles pobos que con tanta galanura describe no seu fermoso libro “Lourenzá”. Vimos a ofrecerlle o testemuño da nosa gratitude, admiración e agarimo. Gratitude por que é vostede persoa que honrou sempre, e honra, á súa terra, que é a nosa; pola súa exemplar experiencia vital. Dicíame nun encontro que tivo a deferencia de concederme que cando lle chegara a hora da morte iríase tranquilo, porque a ninguén fixo mal, sempre fiel a sí mesmo e ó seu pensamento; sempre as súas actuacións presididas pola honestidade e a coherencia. Grazas polo exemplo… Traémoslla a esta cosmopolita cidade a lembranza da virxiliana natureza do seu val “a cunca multiverde arrodeada de lombas” como vostede a describe, e tamén as brisas da Rapadoira, que na súa nenez e adolescencia tanto desfrutou esquieiro en ristre, por entre as penas do Escairo e da Garita, alí onde Buón, “o cantor de Mondoñedo”, que chamou Lence Santar, perdeo a vida.
Traémoslle os recordos do seu “vagacento pasear” polo silente cantón enlousado da vila natal; os de lugares e paraxes que lle son mais queridos: Batán, Baos, Cuñas, Cabaleiros, A Ponte de Pedra, O Masma, A Cazolga… Por todo iso, e moito mais, esta asociación quere distinguilo co máximo galardón que lle é posible: o de Cabaleiro do Mariscal Pardo de Cela”.
O concello laurentino declara 2013 como Ano de don Paco del Riego. “O Mundo de Galea” únese afervoadamente á celebración.

Suso Fernández

Exit mobile version