Site icon Crónica3.com A Mariña

González Barcia valorou positivamente o encontro entre o sector pesqueiro e subdirector general de Inspección Marítima

AALE9819GONZÁLEZ BARCIA FIXO UN BALANCE MOI POSITIVO DO ENCONTRO MANTIDO ENTRE O SECTOR PESQUEIRO E O SUBDIRECTOR GENERAL DE INSPECCIÓN MARÍTIMA. O ALCALDE XA ADIANTOU QUE EN BREVE SE PRODUCIRÁ UNHA NOVA XUNTANZA CON OUTROS DEPARTAMENTOS IMPLICADOS EN TITULACIÓNS PESQUEIRAS.

Burela, 17 de xaneiro de 2013. O alcalde de Burela, José Mª González Barcia, fixo unha valoración moi positiva do encontro mantido este mediodía entre o subdirector general de Seguridad, Contaminación e Inspección Marítima da Dirección General de la Marina Mercante, Francisco Ramos Corona, e representantes de practicamente todas as confrarías de pescadores da provincia de Lugo e das organizacións empresariais (Puerto de Celeiro, Armadores de Burela e a Organización de Productores Pesqueros). Na xuntanza, na que se falou das titulacións mínimas, tamén participou o voceiro de pesca no Parlamento de Galicia, José Mª Balseiro.

O rexedor sinalou que “o tema fundamental da reunión foron as titulacións mínimas. Ao meu xuízo a xuntanza foi positiva por varias cuestións. Primeiro porque a administración central acercouse o máis directamente posible ao sector, veu a Burela a falar cos representantes do sector pesqueiro na provincia de Lugo, que ten unha grande importancia no tecido socioeconómico, e foi algo que agradeceron publicamente. Segundo, no tema das titulacións mínimas o Goberno Central deu un paso adiante porque xa ten preparada unha norma que vai significar unha redución na tripulación dos barcos. E terceiro, avanzouse si ben é certo que hai algúns outros problemas nesta materia, que veñen de vello e que por parte doutros gobernos non se resolveran”.

José Mª González Barcia considera que “os pasos que se deron son importantes aínda que queda camiño por andar. Nese sentido hoxe mesmo xa empezamos a traballar para estudar a viabilidade e o contido dunha próxima reunión na que se podería implicar non só a Marina Mercante senón tamén a outros departamentos que teñen algo que dicir en materia de titulacións pesqueiras”.

O alcalde de Burela vai seguir colaborando co sector pesqueiro, “entendemos que esta vía que se abriu agora é de colaboración importante entre as administracións e o sector, co Concello coma ponte, a pesar de que o sector ten as súas propias canles de comunicación coas administracións e ademais sabe usalas moi ben. Pero evidentemente o alcalde de Burela e a Corporación Municipal van estar sempre implicados na defensa dos intereses do sector, que pide unha maior operatividade á hora de desenvolver a actividade pesqueira e, por outra parte, facela máis rendible porque na situación económica actual o primeiro é manter os postos de traballo, pero para iso hai que aguantar a actividade empresarial que xera eses empregos”.

Exit mobile version