Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Cervo destaca a importancia de “ter presenza” en Fitur para dar visibilidade á Mariña

Cervo traballa en Fitur para atraer novos turistas e visitantes

Cervo, 31 de xaneiro de 2013-O alcalde, Alfonso Villares e a edil de Turismo, Begoña Alonso, atópanse estes días en Fitur co dobre obxectivo de explotar A Mariña como un destino turístico completo, atractivo e diferente así como explorar novos métodos para divulgar o potencial da comarca en xeral e de Cervo en particular. A Mariña estase promocionando dentro do pavillón de Galicia, onde está diferenciada como xeodestino http://www.turgalicia.es/blog/turgalicia-noticias-2/la-xunta-presenta-el-mapa-de-geodestinos-de-galicia/?lang=es, o que significa que A Mariña ten un espazo propio baixo o paraugas de Turgalicia.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, destacou hoxe a importancia de “ter presenza en Fitur”, unha feira que nos permite “por unha banda dar visibilidade á Mariña” e pola outra “estar en contacto directo con todos os axentes implicados no sector turístico”. O rexedor explica que unha parte moi relevante do traballo que están desenvolvendo en Fitur é “falar e relacionarnos cos visitantes da feira, ofrecéndolles o noso concello e a nosa comarca como un lugar único no que poden atopar todo o que buscan, dende a praia ata a montaña, dende as festas tradicionais ata as novas iniciativas de turismo de experiencias e sensacións, unha excelente gastronomía, un rico patrimonio histórico e cultural e en definitiva, un destino por descubrir”.

Villares asegura que nestes dous días xa se achegaron ao xeoespazo da Mariña multitude de persoas “ás que pretendemos captar como turistas potenciais ou como inversores e que sempre nos atopan dispostos a explicarlles todos os atractivos dos que dispoñemos como territorio”.

Neste sentido, o mandatario cervense destaca tamén a oportunidade que brinda Fitur para coñecer e tratar con personaxes coñecidos e mediáticos, “aos que estamos trasladando o encanto da nosa comarca, porque eles teñen un papel moi importante á hora de divulgar A Mariña dende os seus ámbitos particulares de traballo”. Villares asegura que “estamos deixando as portas abertas da Mariña para que entren todos os que desexen coñecernos e vivir experiencias diferentes como as que se poden ter nas rutas de artesanía ou no Mes da Maxia”. O meteorólogo Martín Barreiro, o xornalista e director de informativos non diario de RTVE, Jenaro Castro ou o físico da USC e integrante do consello de sabios do programa da TVG “Cifras e letras”, Jorge Mira, son algúns dos personaxes coñecidos que saíron do stand de Turgalicia coa recomendación de visitar Cervo e A Mariña.

Este labor de promoción a través do contacto directo compleméntase coa asistencia a presentacións de proxectos, iniciativas e actuacións postas en marcha na Mariña e noutros territorios co obxectivo de coñecer máis métodos, prácticas e estratexias de impulso turístico.

Exit mobile version