Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Riotorto pide máxima participación na mobilización convocada pola plataforma “Queremos galego” do vindeiro 27

O ALCALDE DE RIOTORTO PIDE MÁXIMA PARTICIPACIÓN NA MOBILIZACIÓN CONVOCADA POLA PLATAFORMA QUEREMOS GALEGO PARA O VINDEIRO DÍA 27 EN COMPOSTELA

Riotorto, 19 de xaneiro de 2013. O concello de Riotorto convoca a todos os veciños e veciñas da localidade a participar na mobilización organizada pola plataforma Queremos Galego, que terá lugar o vindeiro domingo 27 de xaneiro, ás 12:00 horas, en Santiago de Compostela, e coa que o colectivo pretende defender o uso da lingua galega en todas as etapas do sistema educativo.

Segundo explicou o nacionalista Federico Gutiérrez Estoa, alcalde da localidade, “os galegos e galegas debemos participar masivamente nesta manifestación para defender o que é noso, a nosa lingua, e amosar o noso rexeitamento fronte ás políticas galegofóbicas dos gobernos central e galego. O decreto do plurilingüismo da Xunta e o proxecto de lei de educación presentado polo ministro Wert, desprezan a lingua galega deixándoa posicionada como un idioma de segunda categoría no noso propio pobo”.

A plataforma cidadá Queremos Galego, composta por máis de 700 entidades e colectivos sociais, 25 deles pertencentes á comarca da Mariña, ten como obxectivos articular unha ampla resposta colectiva a prol da lingua propia do noso pobo, a defensa e afirmación dos usos públicos e dereitos lingüísticos dos galegos e galegas, así como o apoio da progresiva normalización naqueles espazos onde o idioma galego non goza aínda da presenza desexada.

Neste senso, o rexedor municipal recordou “a responsabilidade e a obriga que teñen as institucións públicas de promocionar a lingua propia, obriga da que parecen terse esquecido tanto o ministro Wert como o propio Feijóo, máis dispostos a buscar fórmulas para lograr a súa desprotección e eliminar da súa presenza en todos os eidos, entre eles o educativo. Ambos gobernos deben rectificar a súa postura, máis cando no caso do decreto do plurilingüismo xa existen seis sentenzas que declaran ilegal os puntos centrais da norma”.

Exit mobile version