Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz valora de “decepcionantes” os orzamentos do PP para o Concello

O BNG DE FOZ AFIRMA QUE OS ORZAMENTOS DO PP NA XUNTA VOLVE A MARXINAR AO CONCELLO DE FOZ
É unha fraude que non haxa un só euro para a Residencia e o Centro de Día
Foz a 3 de xaneiro de 2013.- O BNG valora os orzamentos da Xunta como decepcionantes para Foz. Segundo o seu portavoz, Xan Carlos González Basanta, “estes orzamentos son un novo desplante do PP ao noso Concello en canto que deixa sen partidas obras fundamentais como a Residencia e o Centro de Día. Está claro que o PP discrimina unha vez máis a Foz e xa con este son cinco anos de goberno na Xunta que deixa ao Concello sen inversións”.
Para o BNG é moi triste que en todo o documento dos Orzamentos da Xunta para o ano 2013 só aparece Foz en tres ocasións con adscrición de partidas. Unha partida é da Consellaría de Medio Ambiente para realizar menos de 500 metros de beirarrúas na estrada Cangas-Valadouro, cunha dotación de 235.851,70 €. A seguinte partida é da Consellaría de Medio Rural e Mar para o desenvolvemento sostible de zonas costeiras, cunha dotación de 461,54 euros. A última dotación parece de chiste pois é da Consellaría de Medio Ambiente tamén cunha partida de –agárrense- 48,3 euros para a mellora de camiños en Vilaronte e San Martiño.
O BNG non ten palabras para cualificar a actuación do Goberno Galego do PP con Foz. A pesares de terse comprometido –mesmo polo propio presidente Feijoo – a rematar a Residencia de Terceira Idade con Centro de Día no ano 2015, a pesares de ter os terreos a disposición desde o ano 2008 e a pesares de estar xa ter o proxecto realizado, agora resulta que non existe dotación orzamentaria para comezar neste ano a súa construción. “Que me digan agora os representantes políticos do PP como farán para ter a obra rematada no 2015, como se comprometeron”, declarou Basanta. Tamén obras fundamentais como a ampliación da escola infantil, a separación de augas residuais das pluviais ou o dragado da Ría quedan sen dotación, a pesar de telas solicitado en varias ocasións por unanimidade no Pleno da Corporación Municipal. Xa non falamos por suposto do “Megaporto” prometido polo PP e polo Sr. Alcalde durante as eleccións municipais. ¿Onde están os 767 euros de gasto por habitante que segundo a Xefe Territorial do PP -Raquel Arias- lle corresponderían a Foz? ¿Non tería a Xunta que investir algo máis en Foz para axustarse ás palabras da responsable da Xunta en Lugo?
O BNG despois desta clara afrenta a Foz, vai a presentar as emendas oportunas para que esas obras necesarias aparezan nos orzamentos deste ano e poidan realizarse. Son as mesmas que levamos presentando desde que o PP goberna na Xunta, as mesmas que un ano tras outro caen en saco roto porque o PP ten outras prioridades como a propaganda e as “paparotas”. En concreto: construción da Residencia e do Centro de Día de Foz, ampliación da escola infantil, o urxente dragado da Ría ou a posta en funcionamento do Centro de Interpretación do Románico na Basílica de San Martiño, entre os máis importantes. “O BNG de Foz espera realmente que o PP na Xunta recapacite e lle dea a Foz, modificando estes orzamentos, o que merece. Nin máis nin menos”, rematou Basanta.
Xan Carlos González Basanta
Portavoz municipal do BNG de Foz

Exit mobile version