Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Ribadeo pide a Balseiro que deixe de comportarse como un “hooligan” e esixe respecto para Fernando Suárez

O BNG DE RIBADEO PIDE A BALSEIRO QUE “QUE DEIXE DE COMPORTARSE COMO UN “HOOLIGAN”E ESIXE RESPECTO PARA O ALCALDE FERNANDO SUÁREZ

Desde o BNG de Ribadeo vémonos na obriga de responder novamente ás declaracións irrespectuosas dun dos voceiros do PP, o señor Balseiro, que onte se refería ao alcalde de Ribadeo sinalando que tiña unha “obsesión case enfermiza” coa Xunta.

Diante desta nova saída de ton, manifestamos:

Esiximos a Balseiro que deixe de comportarse como un hooligan e comece a referirse co respecto e educación ao noso alcalde e ao resto dos representantes políticos escollidos polo pobo ribandense.

Convidamos ao señor Balseiro a que explique nos medios ás e aos ribadenses que papel xogou el e o seu partido no feito de que a Xunta deixe a Ribadeo sen Escola Taller pero en cambio coloque ao responsable do PP de Ribadeo, López Penabad, como director da Escola Taller de Alfoz e Valadouro.

Denunciamos as formas e a falta de xustificación real pola que a Xunta denega a Ribadeo a Escola Taller. Todo nos leva a pensar que existe detrás desa decisión unha clara intencionalidade política de castigo a un pobo que deu a maioría absoluta ao BNG e sentou novamente ao PP na oposición. Consideramos este tipo de comportamento completamente deleznable e antidemocrático e estamos seguros de que o pobo de Ribadeo non aceptará a chantaxe como forma de facer política.

Polo demais, comezamos a pensar que Balseiro ten dificultades serias para comprender o significado das palabras e que, polo tanto, se excede nos seus comentarios por simple ignorancia e inconsciencia sobre o que di. Ou iso ou directamente é un maleducado e un hooligan dedicado ao politiqueo máis deplorables, cousas ambas que teñen moito que ver coa opinión negativa que a maioría da sociedade ten hoxe sobre a actividade política representada por persoas coma el.

Insistimos unha vez máis: pódese ser firme nas convicción sen necesidade de ser maleducados nas formas, pódese traballar a prol dos proxectos nos que un cre sen necesidade de atacar gratuitamente aos demais. No PP de Ribadeo e da Mariña semella que o esqueceron, e dá a impresión de que non lles viña mal un seminario de bo comportamento e de boa educación.

Exit mobile version