Site icon Crónica3.com A Mariña

O Burela FS B xoga mañá en Xove no derbi comarcal que pecha a primeira volta de Terceira División

O BURELA FS B PECHARÁ A PRIMEIRA VOLTA NA MARIÑA, NA PISTA DO XOVE (VENRES 4, 20.30 HORAS)

O Burela FS Pescados Rubén B pechará primeira volta de Terceira División mañá moi preto da casa, sen saír da Mariña, na pista do Mesón Pizzería A Fuga Xove FS (20.30 horas). O derbi comarcal será o broche final da 15ª xornada, disputada polo resto dos equipos o pasado 29 de decembro.

Ambos os conxuntos chegan moi igualados á contenda. Dende o ecuador clasificatorio con 24 puntos, a escuadra laranxa pelexará por continuar coa dinámica de vitorias. Os locais defenderán o sétimo posto, con 25 puntos, despois de caer na casa do líder, O Esteo FS (4-3).

No caso de que o Burela FS B consiga apropiarse do marcador, podería ter a oportunidade de empoleirarse ás proximidades do podio e comezar a segunda rolda, o 12 de xaneiro, dende a cuarta ou quinta praza. Os pupilos de Lucas disputarán a vindeira xornada na casa, ante o Carballiño, posto que estrearon a categoría en Ourense, con cambio de cancha entre a primeira e a décimo sexta xornada.

Exit mobile version