O VINDEIRO VENRES DARÁ COMEZO EN BARREIROS O CICLO CINEMA E EMIGRACIÓN, QUE ORGANIZA O CONCELLO. VANSE PROXECTAR CATRO PELÍCULAS POLAS PARROQUIAS.
Barreiros, 9 de xaneiro de 2013. O vindeiro venres, 11 de xaneiro, dará comezo en Barreiros o ciclo Cinema e emigración, que organiza o Concello. Vanse proxectar varias películas vencelladas coa emigración nas parroquias.
Esta actividade forma parte dun proxecto máis amplo de recuperación da memoria histórica do concello, que xurdiu a raíz do traballo en prácticas desenvolvido por un grupo de alumnos do curso de dinamización comunitaria: Carmen Mª García Moreda, Rafa Pedrosa e Silvia Fiallega Lorenzo. Segundo explican “este grupo de traballo decidiu tomar como cerne da súa elaboración teórica a idea da recuperación integral da memoria histórica, coma un medio de priorizar a salvagarda e a revalorización do patrimonio inmaterial deste concello, é dicir, das lembranzas e dos saberes das súas xentes, contribuíndo deste xeito a xerar unha dinámica de autoxestión do coñecemento da historia local. Porque a historia é unha construción colectiva, a suma das vidas de todos os que formamos parte dunha comunidade e o que nos define como grupo. Afondar na raizame dun pobo contribúe a consolidar os seu piares como sociedade e determina a súa identidade”.
Os filmes seleccionados para este ciclo, excepto Mamasunción, son películas feitas no período da grande emigración, que serviron de correspondencia entre os galegos de aquí e os de acolá. Estes fondos foron restaurados polo CGAI. “O que se pretende coa súa proxección é espertar os recordos que a emigración sen dúbida deixou neste concello, fondamente marcado pola diáspora, para darlle unha oportunidade ás persoas que se acheguen a velas de contar a súa propia historia e a dos seus devanceiros. Con estas testemuñas e toda a documentación que poidan aportar pretende ser o punto de saída dun fondo documental sobre a emigración barreirense”.
Os filmes seleccionados para este ciclo son: Nuestras fiestas de allá (1928) de José Gil; Galicia y Buenos Aires (1931) de José Gil; Un día na vida do centro galego de Buenos Aires (1960) de Elixio González; e Mamasunción (1984) de Chano Piñeiro.
As datas e horas das proxeccións son as seguintes:
11 xaneiro, 19 h., Antiga Escola Santiago de Reinante
18 xaneiro, 19 h., O Canteiro de San Pedro de Benquerencia
20 xaneiro, 16 h., Centro Social de Vilamartín Grande
26 xaneiro, 21 h., Escolas de Celeiro de Mariñaos
27 xaneiro, 17 h., Centro Social San Xusto de Cabarcos
O ciclo Cinema e Emigración está organizado polo Concello de Barreiros en colaboración co Centro Galego de Artes da Imaxe.