Site icon Crónica3.com A Mariña

O curso sobre dano cerebral adquirido de FEGADACE e Adace-Lugo celébrase o vindeiro luns e mércores no HULA

O curso sobre dano cerebral adquirido de FEGADACE e Adace-Lugo comeza este luns

Este luns comeza o curso sobre dano cerebral adquirido (DCA) que a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) organiza en colaboración coa Escola Galega de Saúde para Cidadáns, dependente do Sergas, e coa axuda de Adace, a asociación de dano cerebral de Lugo. O curso celébrase o luns, día 21, e o mércores, día 23, no Hospital Lucus Augusti de Lugo. O obxectivo desta acción formativa é mellorar a formación da contorna social das persoas con dano cerebral para incrementar a calidade dos coidados, e fomentar a autonomía de todos os membros da familia na que se dá esta discapacidade.

O curso sobre dano cerebral está dividido en dous obradoiros. Comeza co ‘Obradoiro para coidadores de persoas con dano cerebral adquirido’, este luns, 21 de xaneiro. En primeiro lugar haberá unha charla sobre a ‘Información e Orientación dende o traballo social’, impartida pola directora de Adace-Lugo, Vanesa Mariño. A continuación tratarase o ‘Apoio rehabilitador e tarefas do coidador principal’ co fisioterapeuta Juan José Eiroa Bermúdeza, a psicóloga de Adace-Lugo Luisa López, e a logopeda da mesma entidade Sabela Veiga.

O segundo dos obradoiros, ‘Do domicilio ao ámbito social no dano cerebral adquirido’, está programado para o mércores, 23 de xaneiro. Comeza cunha sesión sobre ‘Promoción da autonomía, ocio e tempo libre nas persoas con DCA’, que vai tratar a terapeuta ocupacional de Adace-Lugo Almudena Almeida. A seguir, o psicólogo clínico do CHUAC Javier Sardiña falará sobre ‘O síndrome Burn-out nos coidadores principais. Pautas para afrontalo’.

Ambos os dous obradoiros terán o mesmo horario, de 16:00 a 20:00 hh., e o mesmo lugar de celebración: a sala 304 do Hospital Lucus Augusti de Lugo, no 3º andar. A asistencia é gratuíta, o aforo limitado, e a inscrición pode realizarse a través de internet na páxina web da Escola Galega de Saúde para Cidadáns: http://www.sergas.es/EscolaSaude/ (en Actividades Docentes).

Este é o segundo ano no que a Escola Galega de Saúde para Cidadáns e FEGADACE colaboran en actividades formativas, pensadas para estender o coñecemento social do dano cerebral e incrementar a calidade da atención e os coidados que reciben as persoas afectadas.

A Federación Galega de Dano Cerebral constituíuse en 2007 polas cinco asociacións que traballan en Galicia: Adaceco na Coruña, Adace en Lugo, Alento en Vigo, Renacer en Ourense e Sarela en Santiago. O obxectivo da Federación é contar cunha plataforma común de interlocución, coordinación e divulgación das necesidades do colectivo de persoas afectadas polo dano cerebral.

Exit mobile version