Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno local de Cervo celebrou unha Comisión de Facenda para abordar as reclamacións presentadas polo BNG

O goberno local di que as reclamacións do asesor do BNG aos orzamentos levarían ao Concello a ter máis gastos que ingresos

-Estúa realiza propostas que, de ser atendidas, suporían un desequilibrio orzamentario e provocarían unha situación de déficit inicial segundo o executivo cervense
-O grupo de goberno considera que as reclamacións deben ir dirixidas a mellorar as contas, non a empeoralas

Cervo, 11 de xaneiro de 2013-O Concello de Cervo vén de celebrar a Comisión de Facenda para abordar as reclamacións aos orzamentos presentadas polo asesor do BNG na Deputación e edil cervense, Xoán Antón Estúa. O goberno municipal, despois de analizar as propostas de modificación e de avaliar o informe de Intervención, asegurou que “o único que podemos valorar de forma positiva sobre reclamacións do señor asesor é que as presentou en tempo e forma. Pero nada máis. O resto de números e letras que hai nese documento están baseadas no máis absoluto descoñecemento”.

O executivo local explica que no seu escrito Estúa “equivócase transcribindo cifras dos orzamentos, cando só se trataba de copialas” pero o máis grave para o grupo de goberno é que “se fixeramos caso das súas propostas, os orzamentos quedarían desequilibrados, e o Concello tería máis gastos que ingresos”. Para o equipo de goberno, “propoñer a un concello que caia nunha situación de déficit orzamentario é unha irresponsabilidade, e máis tendo en conta que os nosos presupostos acadan o obxectivo do déficit cero”. “Normalmente as propostas son para mellorar, non para empeorar” engaden alcalde e edís.

Ao mesmo tempo, o grupo de goberno manifesta que “moitas das cuestións que o señor asesor formula nas alegacións xa están recollidas nos propios orzamentos, polo que non aportan nada novo”. É o caso das propostas sobre os servizos, “que están sendo xestionando directamente polo Concello e polo tanto, de forma pública”. Ademais, o equipo de goberno destaca que “a maior parte do gasto para sufragar estes servizos procede de recursos municipais e non dos usuarios” e coas políticas actuais “garántese o mantemento destes servizos coa mesma calidade”.

Exit mobile version