Site icon Crónica3.com A Mariña

O grupo socialista de Foz amósase indignado polas declaracións do alcalde en relación ao programa Innova-TE

O Grupo Municipal Socialista de Foz amósase indignado polas declaracións do Alcalde en relación ao Programa Innova-TE que a Deputación de Lugo ofrece gratuitamente a tódolos Concellos da provincia

Dende o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Foz estamos indignados polas declaracións verquidas publicamente polo Alcalde no Pleno celebrado na tarde de onte en relación ao Programa Innova-TE, que a Deputación de Lugo pon a disposición de tódolos Concellos da provincia de xeito totalmente gratuíto, e podemos asegurar que dito programa funciona actualmente a pleno rendemento.

Consideramos impresentable que o Equipo de Goberno de Foz pretenda inverter máis de vinte mil euros na contratación e mantemento dunha Sede Electrónica a través dunha empresa privada de Zaragoza, cando a Deputación de Lugo está ofrecendo, por medio do citado Programa, cofinanciado con Fondos Europeos, un servizo moito máis amplo con carácter gratuíto. O Alcalde terá que xustificar cal é o seu interese en inverter semellante suma na contratación de dita ferramenta informática, tendo en conta que sempre se está a lamentar da falla de liquidez do noso Concello.

A través do Programa Innova-TE, Foz dispón dun equipamento informático totalmente gratuíto, que inclúe un Servidor, dous portátiles e unha Pantalla multimedia. Así mesmo, prestouse asesoramento personalizado por medio da rede de dinamizadores de dito programa, e o Concello pode xestionar a través de internet os seguintes procedementos:

– Inscrición no padrón municipal de habitantes por nacemento ou traslado de residencia.
– Consulta do censo electoral.
– Consulta ó Rexistro xeral de entrada.
– Consulta ó Rexistro xeral de saída.
– Consulta de facturas de proveedores.
– Consulta de actas de plenos municipais.
– Consulta de Ordenanzas.
– Comunicación de incidencias en vía pública.
– Cita previa con técnicos municipais.
– Recollida de enseres voluminosos (mobles e trastos vellos).
– Recollida de animais abandonados.
– Avisos sobre contedores cheos, desbordados ou con desperfectos.
– Impactos medioambientais na vía pública.
– Cita previa con cargos electos.
– Solicitude xenérica.
– Avisos, queixas, suxerencias e reclamacións.
– Rexistro de parellas de feito.

Ademais, o Concello de Foz dispón dunha Sede Electrónica que non emprega, e proporcionóuselle conexión de banda ancha e fibra óptica de 10 megas (das máis altas que a Deputación de Lugo ofreceu ós Concellos acollidos ó Programa Innova-TE) e da que, a día de hoxe, se está beneficiando o Concello.

A maiores, no día de hoxe o Presidente da Institución Provincial, Don José Ramón Gómez Besteiro, anunciou que, na Xunta de Goberno da Deputación que terá lugar mañá, se aprobará definitivamente a creación de prazas e casas consistoriais wifi totalmente gratis para tódolos concellos adheridos.

Exit mobile version