Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Ribadeo manifesta que o BNG se ve obrigado a acudir ao insulto “incapaces” de contradicir os datos ofrecidos por Balseiro

O PP lamenta que o BNG, incapaz de contradicir o alto investimento da Xunta en Ribadeo, se vexa obrigado a acudir ao insulto

Lugo, 18 de xaneiro de 2013.- O presidente do Partido Popular de Ribadeo, Jesús López Penabad lamentou hoxe a actitude dos nacionalistas locais que incapaces de contradicir os datos ofrecidos por Balseiro en relación co investimento executado pola Xunta na pasada lexislatura –que só en Ribadeo superaba os 27 millóns de euros- se vén na obriga de responder empregando o insulto como réplica.

“O alcalde dixo que non se investira en Ribadeo. E nos invitámolo a que demostre que os 27 millóns de euros descritos por Balseiro non son certos. Porque sabemos que non poderá facelo” asegurou López Penabad quen tamén amosou a súa “perplexidade” porque ao BNG lle moleste que Ribadeo sexa un dos concellos con maior investimento do Goberno autonómico e, polo tanto, que é mentira o que están dicindo desde o BNG aos veciños.

López Penabad tampouco entende porque o alcalde agora se esconde tras o responsable local do BNG para facer este tipo de declaracións absolutamente desproporcionadas e impropias dun dirixente democrático. De feito indicou que afirmacións como as que fai Xavier Campos son absolutamente intolerables no debate político, se descualifican por si mesmas e non merecen contestación algunha, salvo o feito de poñer de relevo que quen as emprega é porque non ten argumentos.

López Penabad pola contra dixo que “non debe entenderse como un insulto” que se asegure como fixo Balseiro que o alcalde está “obsesionado” con enfrontarse coa Xunta de Galicia, “cando é un feito que todos os veciños comproban a diario tras escoitar as declaracións de Suárez Barcia realiza nos xornais e nas emisoras de radio”. Unha actitude, por certo, negativa e crispada que non fai ningún favor aos seus veciños e que só busca agochar unha mala xestión da alcaldía en moitos temas, como é o caso do obradoiro de emprego.

O presidente dos populares de Ribadeo quixo deixar claro que desde as administracións nas que teñen responsabilidade de Goberno seguirán traballando por Ribadeo e para achegar investimentos á localidade, “gústelle ou non ao BNG” e seguirán denunciando tamén naquelas ocasións nas que a actitude do alcalde fai que Ribadeo saia perdendo, como é o caso do obradoiro de emprego que perderon por non presentar en tempo e forma a documentación que se lle requiriu ao concello.

López Penabad amosouse convencido de que os veciños observan con estupor o ton crispado e insultante que nos últimos meses está a caracterizar á actitude da alcaldía e dos responsables do BNG e dixo que sería bo que os nacionalistas “tomaran unha tila e empezaran a xestionar e gobernar en defensa dun pobo, como o está a facer o PP, desde unha oposición responsable e acadando investimentos, obras e apoios que o alcalde non foi quen de conseguir por facer mal as cousas”.

Exit mobile version