Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdG-PSOE de Burela analizou os presupostos da Xunta e destaca a non ampliación do Hospital da Costa

BURELA, a 8 de xaneiro do 2013

A Comisión Executiva do PSdG-PSOE de Burela na súa reunión no día de hoxe, onde analizou os presupostos da Xunta de Galicia feitos públicos en plenas festas do Nadal, parece que había interese en que pasaran inadvertidos, fai o seguinte análise do mesmo usando un símil con referencia á chegada dos Reis Magos.

A Xunta de Galicia do PP debeu de sacar a conclusión que os veciños e veciñas de Burela non nos portamos ben no ano 2012 e trouxéronnos carbón, castígannos. Dicimos isto á vista da paupérrima inversión que van a facer en Burela e na Mariña en xeral, pois entendemos o Hospital da Costa coma un ben de todos os veciños e veciñas da Mariña.

Por un lado constátase a paralización definitiva do acceso ó porto de Burela, unha obra básica para o desenrolo económico tanto de Burela como da área portuaria, onde se lle adxudican pouco máis de 240.000 euros, que ó noso entender non van a chegar nin para desbrozar a maleza que medrou dende a súa paralización, que decidiu no seu día o Sr Feijoo cando xa estaba aprobado o proxecto e prazos de execución polo goberno do Presidente Touriño, nin para reparar os problemas que causou a súa paralización. Unha constatación do pouco ou nulo peso político que ten o noso goberno municipal, por certo un proxecto que levaban no seu programa electoral, programa có que enganaron ós veciños e veciñas de Burela.

Outro dos puntos negros destes presupostos é a NON AMPLIACIÓN do Hospital da Costa, unha ampliación anunciada ata en seis ocasións en campaña electoral, a consignación presupostaria que non chega ós 50.000 euros, menos do que cobra a Conselleira do ramo. Podemos concluír que a Xunta de Galicia non aposta pola sanidade e a saúde dos cidadáns da Mariña, poñéndoa en perigo. Non contentos con todo isto tamén fan un recorte nos presupostos de funcionamento do Hospital da Costa de máis de 2.000.000 de euros.

A maiores de todo isto desaparece o Grupo Municipal de Intervención Rápida que ademais de facer un servizo próximo na axuda en emerxencias, daba traballo a un bo número de parados, demostrando deste xeito o pouco interés que ten a Xunta de Galicia no servizo ó cidadán e na creación de emprego. Aínda que o goberno de Burela usaba este servizo para a colocación de xente afín, entendemos que era unha saída laboral para algunha xente que realmente o podía precisar si non se utilizara de maneira partidista como soe facer o PP, véxase o caso do Sr Baltar en Ourense.

Como tampouco figura ningunha partida para a limpeza do encoro de Rúa que tarde ou cedo vai a traer problemas para o suministro de auga e o encarecemento do recibo da auga polo alto custe que ten o bombeo de auga dende a estación de bombeo da Senra para traer a auga dende Cervo.

Os presupostos da Xunta castigan á Mariña e dende logo o que máis nos chama a atención é a obediencia e partidismo dos cargos políticos do PP en xeral e do goberno de Burela en particular, que calan e dan por bos uns presupostos que unha vez máis discriminan á Mariña e a Burela, e demostra unha vez máis que os cargos políticos do PP son capaces de antepor os intereses do seu propio partido e da Xunta de Galicia ós interese dos veciños e veciñas, ós que representan, non sendo capaces de levantar a voz contra estes presupostos que deixan á Mariña e a Burela totalmente paralizada e con moi poucas opcións de futuro e avance tanto social como económico.

A impresión que nos queda é que tanto a Xunta de Galicia, có seu Presidente á fronte, e os cargos institucionais do PP son un fraude para os veciños e veciñas de Burela, e tanto os deputados como alcaldes e concelleiros do PP deben de darlle explicacións ós veciños e veciñas de Burela da paralización de estas dúas promesas electorais que non fai tanto que nos fixeron. O Partido Popular engana ós veciños e veciñas de Burela sen ser capaz de dar unha soa explicación ós veciños, o Partido Popular é un fraude.

Ramiro Fernández Rey Remedios López Villar

Secretario Xeral Secretaria de Organización

José Ramón Vázquez Andrade

Secretario de Sanidad

Exit mobile version