Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Cervo afirma que os orzamentos aprobados polo PP non apostan polo fomento do emprego

OS SOCIALISTAS AFIRMAN QUE O PP DE CERVO SACA ADIANTE EN SOLITARIO UNS ORZAMENTOS QUE SE ESQUECEN DO FOMENTO DO EMPREGO

-Máis da metade das contas destinaranse a gasto de persoal, e “perdemos inversión para activar a economía local e ofertar servizos sociais. Se continuamos así, Cervo será un municipio dormitorio”

-O equipo de goberno está máis interesado en repartir ben a tarta do Concello, “entre adicacións exclusivas, parciais e asistencias a Xuntas de Goberno ninguén quedará sen o seu trozo”

CERVO, 16 DE XANEIRO. Os socialistas de Cervo manifestaron no pleno celebrado no día de onte a súa oposición ós orzamentos aprobados unicamente polos membros do Partido Popular, “son uns presupostos que se esquecen completamente da gran necesidade dos veciños que é a creación de emprego”.

Os membros do Grupo Municipal Socialista transmitiron ó equipo de goberno a importancia de apostar por políticas de creación de postos de traballo e “aínda teñen a desvergonza de afirmar que as partidas neste senso se incrementaron. O que se asigna a este asunto é risorio e insignificante, iso sí, máis da metade dos orzamentos destinaranse a gastos de persoal”.

Precisamente neste punto é no que os socialistas subliñaron que “para cumprir a estabilidade presupostaria a partida destinada a persoal non pode superar o 40% do orzamento, pero se facemos a liquidación nas contas do equipo de goberno vemos que chegamos incluso ó 51%. Todo o que se gasta para isto é tanto que se perde para investir en temas como son o emprego, o fomento dos servizos sociais, a activación da economía e o comercio local”.

Engaden que o equipo de goberno se cerra en banda ante as iniciativas e propostas dos grupos da oposición, contestan con frases tan sorprendentes como a do portavoz do goberno, José Manuel Balseiro, “investir en servizos sociais é facer demagoxia” ou outra do señor alcalde “coas vosas propostas o único que se fixo foi atrasar os orzamentos. Esta é a inquietude que ten todo o goberno cervense polo traballo dos demais grupos políticos. Mentres, no noso concello cada vez hai máis parados, menos comercio, menos actividade, se continuamos así, Cervo acabará por ser un municipio dormitorio sen ningún servizo”.

Unha tarta moi ben repartida

Por outra banda, o pleno de onte tamén serviu para amosarnos unha vez máis que o noso Concello se está convertendo nunha administración en servizo do PP, “este goberno está sabendo repartir moi ben a tarta para que entre adicacións exclusivas, parciais ou asistencias a Xuntas de Goberno, ningún dos edis do Partido Popular se quede sen o seu trociño”.

Non se entende doutra forma despois de saber que o recen estreando edil de Deportes, Luís Antonio Guillén, formará parte das Xuntas de Goberno “para ter así a súa retribución, uns 150 euros por cada asistencia. Desta maneira todos e cada un deles quedan cubertos e por riba, o número de xuntas convocadas triplicouse nos últimos anos, aínda habendo moitas menos obras, sendo menos habitantes, pois xa baixamos dos 4.500, menos comercio, e en xeral, menos actividade municipal”.

Exit mobile version