Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Cervo pide á Xunta que “acomode” rapidamente os pagos ó CEIP de Cervo para garantir o servizo de comedor

OS SOCIALISTAS PIDEN QUE A XUNTA “ACOMODE” RAPIDAMENTE OS PAGOS Ó CEIP DE CERVO PARA GARANTIR O SERVIZO DE COMEDOR

-Non aceptan a xustificación da administración autonómica “estamos a falar da comida de moitos nenos e nenas, non de papeis que poden agardar”

-Subliñan que “as administracións do PP deixan mermar a cantidade de servizos e a calidade de vida dos cidadáns e piden que o equipo de goberno esixa unha solución urxentemente”

CERVO, 2 DE XANEIRO. Os socialistas de Cervo non aceptan desculpas da Xunta de Galicia en relación á débeda que manteñen co CEIP de Cervo pertencente ó mantemento do servizo de comedor. “É incrible que o único motivo que xustifica este retraso sexa que non tiveron tempo para acomodar os pagos con respecto ó remanente”.

Se o número de comensais aumenta co beneplácito da administración, “esta tería que ter o traballo feito para que os pagos fosen efectivos como deberan ser. A inoperancia por parte dos órganos competentes non a teñen que pagar os máis pequenos. Esiximos que se poñan as pilas e que non teñan que comer nin un só día a base de bocadillos”.

Os veciños están fartos de escoitar sempre o mesmo argumento, “non se pode consentir perder máis servizos co argumento da crise. A crise leva tódalas culpas e non é tanto así. O Partido Popular está facendo as súas ideas efectivas en tódalas administracións que goberna e está mermando a cantidade de servizos e a calidade de vida de tódolos cidadáns”.

A gran maioría dos alumnos do CEIP de Cervo fan uso actualmente do servizo de comedor, “esta forma de actuar do executivo autonómico pode obligar a moitas familias a verse na tesitura de abandonar un posto de traballo para poder levar ó seu fillo ou filla a comer á casa. Moitos pais non terán a oportunidade de compaxinar a vida laboral coa familiar e os tempos non están para desprezar ningún emprego”.

Os membros do Grupo Municipal Socialista de Cervo temen que esta problemática chegue tamén a outros centros educativos, “debe quedar nun problema puntual pero o que comeza no colexio de Cervo tamén pode chegar ó CEIP Nº1 ubicado en San Cibrao. Sería unha mágoa que todo o prometido co gaio da unificación agora caia en saco roto”. Esperan que se solucione o impago canto antes e non suceda noutros centros.

Esta situación é competencia da Xunta de Galicia pero os socialistas engaden que “o equipo de goberno de Cervo algo terá que dicir ó respecto. Parece que ultimamente os problemas non van con eles. Despois de coñecer a situación, ningún membro do goberno deu sinais de vida. Esiximos que dende o Concello se inste á Xunta a solucionar urxentemente o asunto pois estamos a falar da comida de moitos nenos e nenas, non duns papeis que poden agardar.”

Exit mobile version