Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Foz presentará unha iniciativa coa finalidade de axudar ás familias que se atopan nunha situación económica complicada e en risco de exclusión social

O Grupo Municipal Socialista de Foz presentará proximamente unha iniciativa no Concello coa finalidade de axudar ás familias que se atopan nunha situación económica complicada e en risco de exclusión social.

Dende o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Foz somos conscientes de que o actual contexto de crise económica e a elevada taxa de desemprego están a ocasionar verdadeiras dificultades económicas a centos de miles de familias, que están a chegar a unha situación límite que non lles permite cubrir as súas necesidades máis básicas. O Concello de Foz non é alleo a este fenómeno, xa que continúan a producirse cada día máis casos de familias completas con todos os seus membros no paro, familias que ven como un dos seus maiores logros, a súa vivenda, pode estar en perigo por unha execución hipotecaria que pode provocar a perda do inmoble. E aínda por riba de perder a vivenda, estarán expostos a unha condena financeira de por vida.

A perda da vivenda tamén leva consigo a perda doutros dereitos e impide ás persoas afectadas realizarse no ámbito familiar e profesional, e condena, en moitos casos, á marxinación e exclusión social.

En definitiva, a situación de desamparo na que se atopan algunhas das nosas familias, asfixiadas por unha situación laboral cada vez máis insostible e unha hipoteca froito da avidez de especuladores e entidades financeiras, é moi preocupante.

Por todo o exposto, dende o Grupo Municipal Socialista de Foz, considérase que se está a vulnerar un dos dereitos fundamentais dos cidadáns, o da vivenda. O artigo 47 da Constitución establece que “Todos os españois teñen dereito a unha vivenda digna e adecuada, e que os poderes públicos promoverán as condicións necesarias e establecerán as normas pertinentes para facer efectivo este dereito, regulando o uso do solo de acordo co interese xeral para impedir a especulación”.

Debido a isto, o noso Grupo Municipal presentará nos próximos días unha iniciativa coa finalidade de instar ao Alcalde e ao Equipo de Goberno focense para que se adopten todo tipo de medidas para tentar paliar dalgún xeito os problemas existentes, tendentes a que os poderes públicos dean cumprimento efectivo ao mandato do art. 47 da Constitución Española, e se estuden saídas xustas á cuestión das vivendas baleiras.

En primeiro lugar, procederemos a solicitar que o Goberno Local elabore un censo no que consten as unidades familiares empadroadas no noso Concello que teñan todos os seus membros en idade de traballar desempregados, así como aquelas cuios ingresos sexan inferiores ao IPREM (Indicador Público de Renta de Efectos Múltiples) previsto para este ano (532,51 € mensuais), e no que figuren, tamén, aquelas familias que corren risco de ser deshauciadas das súas vivendas por non poder facer fronte ao pago das correspondentes cuotas do seu préstamo hipotecario ou do seu alquiler, así como as familias que xa foron vítimas de deshaucio da súa vivenda habitual en Foz.

Ademais, instaremos ao alcalde a negociar coas entidades bancarias, empresas inmobiliarias e, incluso, os particulares que dispoñan dalgunha vivenda sen ocupar na nosa localidade, e estean dispostos a ofrecer ditos inmobles en alquiler social coa finalidade de poder axudar ás familias que están a atravesar este tipo de penurias económicas.

Consideramos necesario intervir con urxencia ante esta dramática situación, que levou a horrorosos desenlaces coa perda de vidas, e que, coa duración prolongada desta crise inhumana, estase a agravar día a día.

Exit mobile version