Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Foz presentou unha moción para esixir que se apliquen as consecuencias económicas derivadas da aprobación da RPT do concello

O Grupo Municipal Socialista de Foz presentou esta mañá unha MOCIÓN PARA ESIXIR QUE SE APLIQUEN AS CONSECUENCIAS ECONÓMICAS DERIVADAS DA APROBACIÓN DEFINITIVA DA RELACIÓN DE POSTOS DE TRABALLO DO CONCELLO DE FOZ, con base nos seguintes motivos.

Tal e como prevé o artigo 123.1.h da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local, en relación co artigo 64.2.k da Lei 5/1997, de 22 de xullo, de Administración Local de Galicia, a aprobación da plantilla de persoal e da relación de postos de traballo son atribucións do Pleno da Corporación Municipal.

Así mesmo, polo Pleno da Corporación Municipal de Foz acordouse a aprobación definitiva da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello en sesión celebrada con data 25 de febreiro de 2010, acordo no que se establecen determinadas consecuencias económicas a aplicar de xeito progresivo no tempo, alcanzando plenos efectos en catro anos.

Durante os anos 2011 e 2012 se deu cumprimento ao citado acordo plenario, abonando aos traballadores incluídos na RPT do Concello as subas correspondentes a tales anualidades.

Recentemente, o Grupo Municipal Socialista de Foz tivo coñecemento da intención do Alcalde e do Equipo de goberno de non abonar aos traballadores do noso Concello a suba correspondente por dito concepto para o ano 2013, pois así o manifestaron abertamente nunha reunión mantida cos mesmos.

O argumento esgrimido polo Alcalde para xustificar a súa intención de non abonar ditas consecuencias económicas aos traballadores é o de sempre: a falla de fondos. Polo que, dende o noso Grupo, o instamos para que deixe de gastar varios miles de euros en contratar a empresas externas ao Concello para realizar traballos como a xardinería, que dende sempre se realizaron polos traballadores municipais, e que cumpra coas obrigas económicas correspondentes aos traballadores do Concello, que consideramos prioritarias.

Dado que os traballadores da Administración Pública en xeral e, polo tanto, tamén os do noso Concello, xa veñen de sufrir unha baixada de entorno a un 5% do seu soldo e a recente supresión da paga extra de Nadal, e, en vista de que a maioría deles son “mileuristas”, ou ben, o seu salario é mesmo inferior aos mil euros mensuais, dende o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Foz, esiximos que se dea cumprimento ao acordo plenario sinalado e se proceda ao abono aos traballadores da suba prevista na aprobación da RPT para o ano 2013.

Por último, puntualizar que o noso Grupo Municipal considera que o abono de dita suba é procedente a pesar do previsto no artigo 22 apartado 2º da Lei 17/2012, de 27 de decembro, de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2013, que establece que “No ano 2013, as retribucións do persoal ao servizo do sector público non poderán experimentar ningún incremento respecto ás vixentes a 31 de decembro de 2012 (…)”.

Posto que o mesmo artigo 22 no seu apartado 7º dispón que “O disposto nos apartados anteriores debe entenderse sen prexuízo das adecuacións retributivas que, con carácter singular e excepcional, resulten imprescindibles polo contido dos postos de traballo(…)”. Consideramos, pois, evidente que nos atopamos ante un suposto excepcional e xustificado, dado que o acordo plenario polo que se aproba a Relación de Postos de Traballo do Concello de Foz reviste a peculiaridade de ser de data (25 de febreiro de 2010) notablemente anterior á citada norma, con independencia de que no mesmo se prevea a aplicación progresiva das súas consecuencias económicas durante os catro anos seguintes á súa aprobación, e, polo tanto, o seu incumprimento causaría un gravame aos traballadores incluídos na RPT de imposible reparación, dado que estamos a falar duns dereitos xa adquiridos. Sen esquecer que, no seu día, os Informes de Secretaría e Intervención Municipais ao respecto xa contiñan certos reparos en relación a dita aplicación progresiva das consecuencias económicas derivadas da aprobación da RPT. Fundamento (o do artigo 22.2º da Lei 17/2012, de 27 de decembro, de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2013) que, por outra parte, de empregarse en relación a este asunto, se podería considerar de dubidosa constitucionalidade a tenor do artigo 9.3 da Carta Magna que establece “a irretroactividade das disposicións sancionadoras non favorables ou restritivas de dereitos individuais”. Na mesma liña, interesamos a coherencia respecto ao acontecido o pasado ano 2012, cando, baixo unhas circunstancias e un contexto legal practicamente idéntico, se xustificou a existencia de dita excepcionalidade para proceder ao pago da suba correspondente por dito concepto.

Por todo o exposto, o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Foz, somete para a súa aprobación polo Pleno da Corporación a adopción dos seguintes ACORDOS:

– Que se leven a cabo as modificacións orzamentarias necesarias para dar cobertura, durante todo o exercicio 2013 e con efectos dende o 1 de xaneiro, á aplicación das consecuencias económicas derivadas da aprobación da Relación de Postos de Traballo do Concello de Foz.

– Que se proceda a abonar aos traballadores incluídos na Relación de Postos de Traballo do Concello de Foz a suba do 30% prevista como consecuencia da aprobación da dita Relación para o terceiro ano (2013), dando cumprimento ao acordo do Pleno desta Corporación Municipal de data 25 de febreiro de 2010.

Exit mobile version