Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Foz queda satisfeito pola aprobación das súas mocións debatidas no pleno

O Grupo Municipal Socialista de Foz queda satisfeito pola aprobación das súas mocións debatidas no Pleno da Corporación

Dende o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Foz queremos amosar a nosa satisfacción pola aprobación das mocións que presentamos no Pleno Extraordinario celebrado na Corporación Municipal o pasado mércores, trinta de xaneiro.

En primeiro lugar, o noso Grupo sometía para a súa aprobación polo Pleno a adopción do acordo consistente en instar á Xunta de Galicia á tramitación, con carácter urxente, dun novo proxecto de Dragado do Porto de Foz paralelo ó existente, coa finalidade de que se proceda a un dragado integral do Porto de Foz que incorpore, ademais do dragado do canal de acceso, o dragado das dúas dársenas, a de Porto Chico e a do Muelle Vello, considerando que soamente deste xeito se poderá conseguir o suficiente calado nas dársenas para que as embarcacións non toquen no fondo en baixamar, e solucionar os problemas existentes na actualidade no noso Porto. Moción que foi aprobada por unanimidade dos membros presentes da Corporación.

Así mesmo, o Grupo Socialista sometía a debate outra Moción para esixir que se apliquen as consecuencias económicas derivadas da aprobación definitiva da Relación de Postos de Traballo do Concello de Foz, acordando instar ó Alcalde a levar a cabo as modificacións orzamentarias necesarias e a abonar aos traballadores incluídos na RPT os dereitos económicos que lles corresponden, dando cumprimento ao acordo plenario da Corporación focense de data 25 de febreiro de 2010. Pois, como explicou a voceira, Rosa Pérez Gradaílle: “os traballadores do concello xa sufriron unha baixada do seu soldo de entorno a un 5% e a recente supresión da paga extraordinaria de Nadal, e non debemos olvidar que a maioría deles son mileuristas ou mesmo teñen salarios por debaixo de mil euros mensuais”. Esta medida foi apoiada por tódolos grupos da oposición que integran a Corporación, polo que esperamos que o Alcalde asuma a súa responsabilidade ao respecto e prescinda de outro tipo de gastos que consideramos non prioritarios, coma o investimento de miles de euros na contratación dunha empresa externa para levar a cabo labores de xardinería no Concello.

En definitiva, dende o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Foz amosamos a noso agrado polo apoio maioritario dos membros da Corporación ás nosas iniciativas, e confiamos en que o Equipo de Goberno cumpra coas súas obrigas e execute as medidas tendentes ao cumprimento dos acordos plenarios adoptados.

Exit mobile version