Site icon Crónica3.com A Mariña

O xornalista do Valadouro Miguel Vila recolle este venres o premio “Álvaro Cunqueiro” ao mellor traballo xornalístico polo proxecto BenBo

O XORNALISTA DO VALADOURO MIGUEL VILA RECOLLE ESTE VENRES O PREMIO “ÁLVARO CUNQUEIRO” AO MELLOR TRABALLO XORNALÍSTICO POLO PROXECTO BENBO

O premio entregarase na Gala da Gastronomía de Galicia, en Lalín

O xornalista do Valadouro Miguel Vila é o director de BenBo, que acadou o premio ao mellor traballo xornalístico na XIX edición dos Premios Nacionais de Xornalismo Gastronómico “Álvaro Cunqueiro”.

Os galardóns están considerados como os máis relevantes de España no seu xénero e entregaranse na Gala da Gastronomía de Galicia, que se celebrará este venres 1 de febreiro, en Lalín, e retransmitirase pola Televisión de Galicia.

Ademais, BenBo mereceu o segundo premio global entre os 33 traballos a esta convocatoria.

BenBo é unha iniciativa de comunicación nada en Galicia fai poucos meses co obxectivo de mostrar ao mundo a súa gastronomía, os seus produtos e as súas xentes, e mostrar aos galegos o que se coce nese mundo gastronómico. Así, o seu lema é BenBo Gastronomía Atlántica Feita IN Galicia.

Os Premios Álvaro Cunqueiro están organizados e patrocinados polo Concello de Lalín; e contan coa participación das distintas asociacións gastronómicas galegas; da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago; e da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo.

As principais accións de BenBo son, por unha parte, a revista BenBo, cuadrimestral, en edición impresa baixo demanda ou edición dixital, cunha coidada estética e rigorosos contidos.

Unha publicación contemporánea da realidade gastronómica, que fala de cociña, de cociñeiros e de produto cunha visión de vangarda e rigorosidade e que quere converterse nunha referencia para profesionais e gourmets, mantendo unha visión propia pero mirando ao mundo.

Por outra, a ferramenta web www.benbo.eu, na que a través do seu blog, a comunidade ou seccións como “axenda”, “actualidade” ou “protagonistas” trata de ter a diario informados aos seus usuarios sobre todo o mundo da enogastronomía.

Unha escolma dos seus contidos artella un boletín dixital gratuíto. A través do portal tamén é posible facerse subscritor da revista.

Todo elo apoiado nas redes sociais, a través das que se mantén un fluxo continuo de información.

O primeiro número da publicación, de 160 páxinas conta cun destacado equipo de colaboradores, redactores e fotógrafos: Cristina Alcalá, Tomás Alonso, Luís Cividanes, Soledad Felloza, Patricia Fernández, Manuel Gago, Mercedes González, Nacho Gil, Víctor López, Xabier Martinez, María Mosquera, Iván Nespereira, Pep Palau, Erika Silva, Miguel Ángel Vargas, Manuel Vidal e Miguel Vila, quen é o director.

O guisante bágoa e a Finca Los Cuervos, A Terra Chá, o Ribeiro Tostado, o peso da castaña, o contraste entre o cocido tradicional e as novas opcións, o márketing gastronómico, as últimas tendencias en cocktails, as tapas, establecementos onde a tortilla é referencia, a tríade café-copa-puro… son algúns dos contidos dese primeiro número da revista BenBo.

A revista BenBo imprímese baixo demanda e non se atopa en quioscos ou librerías, só pode adquirirse a través do sitio web www.benbo.eu.

A versatilidade da revista permite personalizala en revistas e artigos para aquelas empresas e institucións que o soliciten, coma agasallo de empresa ou imaxe de marca. Está dispoñible a versión dixital da revista, a prezo reducido, en www.meubook.com

Exit mobile version