Recuncho de Economía
Ollo ao dato!, repetía hai décadas pola noite nun exitoso programa radiofónico o locutor deportivo José María García.
Seis millóns de persoas desempregadas no Estado español! Este é o dato que ven de publicar en xaneiro EUROSTAT. Unha pedra máis no amilladoiro do “Estado do malestar” que comezou coas medidas de duro axuste aprobadas polo goberno de Zapatero en maio de 2010 (conxelación da moitas pensións, diminución salarial para as persoas que traballan nas administracións públicas,etc.).
Mariano Rajoy, que se encheu de predicar o maná que viría do ceo se saia elixido presidente do Goberno en 2011 pola grande confianza que ía supoñer para “os mercados financeiros internacionais”, afondou na política de drásticos recortes, facendo o contrario ao que levou como programa electoral. Subiu varios impostos (IVE, IRPF,eta.), incumpriu o seu reiterado compromiso de que as pensións seguirían subindo de acordo co IPC, desbaratou piares fundamentais do “Estado de benestar” (sanidade, ensino, servizos sociais…) e aprobou unha durísima reforma laboral que arrebatou dereitos sociais gañados en varias xeracións e facilitou o despedimento (abaratouse moito este e o desemprego sube:vaia novidade!) .
Máis e máis cartos públicos (da cidadanía, se entenden mellor) enterrados nun sector financeiro que segue a facer caixa e a botar das súas vivendas ás familias máis necesitadas ao abeiro cunha lei de hai máis dun século feita á medida da banca, que mesmo foi cuestionada xa desde instancias europeas.
Uns desafiuzamentos que medran e medras mentres segue a seca do creto; en tanto, o diñeiro público co que se agasallou aos bancos e Caixas non lle chegue aos empresarios e as familias, alguén pensa que se saír da recesión? Algúns “iluminados” sempre hai; tamén no goberno de Zapatero a ministra de economía viu “brotes verdes” hai xa uncuadrienio.
Seis millóns de persoas desempregadas! Seis millóns de traxedias persoais nun túnel no que nin se intúe a saída, mentres que altos dirixentes das Caixas se autoadxudicaron indemnizacións millonarias (en euros!) polo seu gran labor: afundilas!.
O seguidismo “marianista” das políticas ultraliberais que lle dicta a señora Merkel afondan máis e máis a capacidade de compra das familias, impedindo unha reactivación da demanda interna que acompañe ás nosas exportacións nun proceso de reanimación dunha economía que non dá saído da UCI.
Na última semana de xaneiro, o INE fará públicos os datos da Enquisa de poboación Activa (EPA). Será o momento de poder desagregar os datos entre as nacións e as rexións que compoñen o Estado español, por sexos, grupos de idade, etc.
Socorro!
Manuel Roca Cendán