Cervo, 29 de xaneiro de 2013-Unhas 70 persoas, entre os participantes do XVIII Campionato de Tute e os representantes do Concello, reuníronse esta fin de semana no restaurante O Castelo para celebrar a tradicional cea de finalización deste torneo, na que se realiza a entrega dos premios. O alcalde, Alfonso Villares, o edil de Deportes, Luis Guillén e a edil de Xuventude, Yolanda Pedreira acudiron a este encontro en nome do Concello, organizador do campionato.
A entrega de trofeos tivo lugar ao remate da cea, e os encargados de distribuílos foron o rexedor e os edís. En total repartíronse 29 figuras de Sargadelos entre as que se atopan os premios aos tres equipos clasificados e á parella con máis puntuación. Deste xeito, os 8 xogadores e o representante do equipo gañador, O Castelo, levaron cadanseu trofeo para casa. Tamén recibiron as súas figuras todos os compoñentes do segundo clasificado, o Mesón da Ría, e os do terceiro clasificado, O Trasgo. Ao mesmo tempo, houbo senllos trofeos para a parella con máis puntuación, que neste caso foi a formada por Cachito e Moncho, tamén do equipo do Castelo. Ademais, fíxose entrega dun faroliño vermello como premio de consolación ao equipo que menos puntuación acadou, O Pedregal.
En total participaron no campionato unhas 60 persoas distribuídas en 7 equipos de catro parellas cada un. Todos eles estaban vinculados a un establecemento hostaleiro do municipio, tal e como se establecía nas bases, nas que se requiría que os equipos tivesen un local fixo no que xogar as partidas. Nesta ocasión os equipos foron (por orde de puntuación acadada nesta edición do campionato): O Castelo, Mesón da Ría, O Trasgo, Paulino, Río de Oro, Camarote e Pedregal.
Para o edil de Deportes, a cea de remate do XVIII Campionato de Tute é un momento “importante dentro da celebración deste torneo, xa que nese día xúntanse todas as persoas que participaron nel e que compartiron horas de xogo e lecer”. Guillén destaca a longa traxectoria deste campionato, “con dezaoito edicións ininterrompidas e que segue mantendo un bo nivel de participación”.