Site icon Crónica3.com A Mariña

Os merlos do Masma

OS MERLOS DO MASMA

Ninguén dubida da importancia do papel que os ríos- grandes e pequenos- desempeñan no feito xeográfico; no binomio home-terra; na ecoloxía e na economía: no ser mesmo da terra. Son espazos vitais no equilibrio da natureza e a súa importancia na vida humana resulta axiomática. As correntes fluviais- do berce á morte no mar- ofrecen ao home múltiples atractivos, que van da práctica de diversos deportes á visión de panoramas do maior engado; daí que fose, ao longo da historia, fonte de inspiración a poetas e pintores, e refuxio espiritual para as almas sensibles.

A ecoloxía, o medio ambiente, que esixen o respecto e coidado da natureza, son conceptos que en tempos apenas se valoraban. Hoxe, ante o alarmante deterioro que sufre a biosfera, coas graves secuelas que , mais cedo ou mais tarde, pode ter para a vida, esperta na sociedade unha notable concienciación e aqueles predicados acadan primacía sobre moitas outras consideracións.

Pero tal consciencia non chegou a estes pagos, a xulgar polo trato e as atencións que o Masma recibe ao longo do seu cauce, e daqueles que defenden a permanencia da depuradora na súa desembocadura…

Hai preto de vinte anos, acuciados pola problemática, creouse a Asociación de Pescadores do Masma, ou algo así. Descoñecemos o grao de atención da mesma a estas tarefas, pero a situación segue igual de preocupante. Acaso os seus xestores atopen, unha e outra vez, o muro infranqueable dunhas institucións moi pouco sensibles a certos valores aos que dan as costas…

Polos anos 50 do pasado século a poeta focega Olimpia Pérez escribíu o Alalá do Masma, cuxos versos primeiros din: “Se recolles polo Masma / unha pola dameneiro/ intre as follas toparás/o asubío dun merlo/ no alentare dos loureiros…”

Hoxe non recollas unha pola damieiro … non se sabe o qué atoparás. No Masma os merlos morren de noxo.

Suso Fernández

Exit mobile version