Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas lucenses poñen en marcha os grupos de traballo cos militantes desde as agrupacións locais

img_1287O PSdeG de Lugo pon en marcha os grupos de traballo cos militantes desde as agrupacións locais

A militancia ten á súa disposición o documento inicial coas principais aportacións e ideas do encontro Partido Aberto, Goberno Aberto, que xa foi entregado aos coordinadores do partido nas sete comarcas da provincia, e ábrese o prazo para apuntarse aos grupos de debate

O PSdeG-PSOE de Lugo segue a traballar para a construción do partido e o cambio coa participación dos militantes. Menos dun mes despois do primeiro encontro coa militancia na provincia Partido Aberto, Goberno Aberto, celebrado na Facultade de Veterinaria cun milleiro de asistentes, os socialistas lucenses poñen en marcha os grupos de traballo desde as agrupacións locais, tal e como comprometeu o seu secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro. Así, o secretario de Organización, Carlos González Santín, reuniuse onte á noite cos coordinadores das sete comarcas da provincia para entregarlles o documento que resume as principais aportacións e ideas dos militantes no encontro do 15 de decembro.

Este documento estará a disposición dos militantes en todas as agrupacións locais da provincia a partir deste luns a través dos seus secretarios xerais, e debe servir como base e referencia inicial para os grupos de traballo. Os militantes teñen toda a semana para apuntarse a estes grupos, nos que debaterán sobre diferentes temáticas coa fin de elaborar un documento final que recolla a posición dos socialistas de Lugo. As ideas abriranse tamén a toda a sociedade a través de reunións sectoriais.

O obxectivo é que o traballo realizado en Lugo desde a militancia sexa trasladado posteriormente ao Congreso Nacional en Galicia e ás conferencias políticas a nivel federal. Por iso, coa fin de asegurar a maior coordinación posible, os grupos de traballo estarán englobados nas seis temáticas propostas desde a dirección do partido, que se refiren ao modelo económico, modelo social, modelo de Estado, calidade democrática e participación cidadá, modelo de Europa e modelo de partido.

Exit mobile version