Foi a Cabalgata de Reis de 1959 a primeira que se celebrou na nosa vila . As SS.MM. chegaran a Foz tras cumplir o percorrido por Ribadeo, de onde eran oriundos. Para o ano seguinte xa o concello focego arranxara as vestimentas reais e entón ese ano – 1960- saíron á rúa os que eran os primeiros Reis autóctonos que, ata o día de hoxe, non abandonaron o territorio da súa soberanía. Naquela primeira ocasión estaban encarnados por Javier Morán, como Melchor: este cronista, Gaspar e un personaxe foráneo que durante unha longa tempada residíu na vila, chamado Terencio, que se facía pasar polo rei Baltasar. Saíran da escola de Fondós (aínda non era Gardería) sobre o lomo dos que, durante anos prestaron despois tal servicio: os cabalos de Culata, o Fero de Mañente e o de Antón María de Simón. Aínda lembramos o rictus de preocupación que se debuxou na faciana de Cándido de Culata cando se percatou de que o seu xove corcel ía montalo xinete que excedía, moi xenerosamente, dos cen kilos de peso… A cabalgada desenvolveuse sen incidentes e o nobre cuadrúpedo voltou, indemne, para o cortello…Nos xardíns Conde de Fontao era o lugar sinalado para a concentración e alí, acompañado polos sons de trompetas e tambores dos “flechas”, detívose o desfile para que os Soberanos se dirixiran a uns cidadáns expectantes, non acostumados a escoitar as verbas de tan poderosos oradores; acto que moitos anos despois foi degradado alevosamente ó sustituir reis por alcaldes… Unha Cabalgata daqueles tempos que quedou na memoria colectiva foi a do ano 1963, hai xusto 50 anos.. Daquela, á parafernalia xa consolidada engadíuse un desfile de carrozas coa participación de catro: Irmandade de Labregos, Confraría de Pescadores, Peña da Rapadoira e Cooperativa do Campo San Xoan de Vilaronte, que foron premiadas nese orde e recibiron a cantidade de 1000, 500, 300 e 200 pesetas, respectivamente. A idea, que xurdira na “Peña”, niño de tantas iniciativas culturais e sociais, fora todo un éxito. Endexamais se repitiu.
Que os Magos 2013 che sexan propicios, lector amigo.
Suso Fernández