Site icon Crónica3.com A Mariña

Un paseo pola historia da educación escolar en Foz

UN PASEO POLA HISTORIA DA EDUCACIÓN ESCOLAR EN FOZ

Un paseo socrático pola Historia da educación escolar na vila de Foz e moi particularmente sobre a escola de Fondós. Así vexo eu o contido do novo libro que acaba de publicar o profesor Antón Niñe. A sensación que tiven cando o lin foi como se nos xuntásemos para tomar un café e pouco despois fósemos dar unha volta polo paseo marítimo: el contándome o esencial sobre un edificio emblemático da súa vila e eu escoitándoo atentamente e facéndolle algunha que outra pregunta.

Encántame o estilo divulgativo do libro, que está escrito de tal maneira que se sitúa ao alcance de todos. Tanto pode ser lido por un neno de doce anos como por seus pais ou polos seus avós. O investigador ten os feitos históricos tan ben coñecidos que é capaz de nolos contar cunha fluidez sorprendente. Comeza en 1749 e ofrécenos unha panorámica do século XVIII moi ben edulcorada coas referencias ao fundador da institución de Fondós, o indiano Pascual Villapol. Sen esquecer a historia de Foz e as súas parroquias no período comprendido entre 1800 e 1900, o autor sitúanos noutro momento clave: o século XX. Fai parada no período docente doutro Antón -Noriega Varela- ofrécenos unha semblanza del, de Vilar Ponte, de Camilo Cela Trulock; fálanos da revista Guau Guau; documenta a sanción ao mestre, co castigo de tralado forzoso a Calvos de Randín; e recolle poemas moi significativos de Noriega, de Manuel María e do vate local Xosé de Socorro. Unha delicia.

Para o camiño de volta non nos reserva algo menos interesante. Primeiro descríbenos as colonias escolares e despois evócanos o maxisterio e o labor de dinamización económica de Ramón Salgado Toimil, ese tipo de persoa a quen o vecindario denominaba “O Mestre”. Mais, para que vaiamos contentos co paseo, aínda nos resolve os enigmas sobre os colexios Martínez Otero e Nosa Señora do Pilar e cóntanos con orgullo como na súa vila teñen Escola Infantil desde 1965.

O caso é que despois de ler a narración e de escoitar a Antón na presentación, confeso que teño sana envexa dos nenos e nenas que estudaron ou estudan naquela casiña de Fondós. Un edificio tan lindo merecía un libro así.

Bernardo Penabade

Exit mobile version