Site icon Crónica3.com A Mariña

Vicepresidencia da Deputación expresa a súa preocupación pola “deriva” dos servizos públicos na provincia

VICEPRESIDENCIA AMOSA A SÚA PREOCUPACIÓN POLA DERIVA QUE ESTÁN A SUFRIR OS SERVIZOS PÚBLICOS NA PROVINCIA

Mario Outeiro acusa á Xunta de desmantelar servizos educativos complementarios que favorecen a conciliación da vida laboral e familiar, o desenvolvemento das habilidades dos rapaces e garanten a igualdade de oportunidades

A Deputación defende os dereitos sanitarios dos lucenses e reclama para os hospitais da provincia os mesmos servizos que se prestan noutros centros sanitarios de Galiza

Lugo, 11 de xaneiro de 2013. O portavoz nacionalista na Deputación e delegado de Cultura e Turismo na institución, Mario Outeiro, expresou, durante a rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno celebrada hoxe, a súa preocupación pola deriva na que están entrando os servizos públicos da provincia, principalmente a educación e a sanidade, consecuencia da política de recortes imposta polo Goberno da Xunta de Galiza.

Os orzamentos do Executivo galego para 2013 recollen unha diminución de máis de 800.000 euros en educación; merma que, segundo Outeiro, “repercutirá directamente na calidade da educación que recibirán os alumnos e alumnas e decreta o feche de novas unidades educativas e que máis mestres e mestras teñan que dar clase en varios centros á vez”. Dende a Vicepresidencia do ente provincial chaman a atención, tamén, sobre as consecuencias que estes recortes terán no equilibrio territorial e insisten en que os máis afectados seguirán a ser os rapaces e rapazas das zonas do interior de Galiza, xa que a xunta de Galiza seguirá primando, como xa fixo con outros servizos públicos, a área Atlántica.

Neste senso, Outeiro recordou a asfixia á que o Goberno está a someter aos colexios da Mariña lucense, cuxos directores xa denunciaron que levan tres meses sen recibir fondos para o servizo de comedor pondo en perigo a súa continuidade. “Estamos ante unha nova proba de que a Xunta non apoia servizos complementarios que facilitan a conciliación laboral e familiar, que favorecen o desenvolvemento das habilidades sociais dos rapaces e rapazas e que, ademais, contribúen a garantir a igualdade de oportunidades favorecendo o equilibrio territorial, como era o servizo de Preescolar na Casa”

O portavoz nacionalista contrastou este xeito de facer política do Partido Popular co da Vicepresidencia da Deputación de Lugo que, esta mesma mañá, amosou o seu apoio a un novo programa educativo, ‘Educando en familia’, que permitirá ofrecer un sistema educativo apropiado para a infancia que favoreza a formación integral dos nenos e nenas.

Para Outeiro a educación non é o único servizo público no que se están a notar os ataques do Goberno galego á provincia de Lugo. “Os populares están creando un sistema educativo e un sistema sanitario excluíntes, pensado só para ricos das cidades, e os lucenses, tamén teñen os mesmos dereitos sanitarios que outros galegos e polo tanto, o HULA e o Hospital da Costa deben ofrecer os mesmos servizos que prestan outros centros hospitalarios galegos. O presidente Feijóo leva anos prometendo para o HULA os servizos de radioterapia, hemodinámica e medicina nuclear e a ampliación do hospital da Costa e, sen embargo, ano tras ano a súas promesas convértense en mentiras”.

Exit mobile version