Site icon Crónica3.com A Mariña

Vicepresidencia da Deputación e concellos asinan os convenios de colaboración para cofinanciar o servizo de Teleasistencia Domiciliaria

VICEPRESIDENCIA DA DEPUTACIÓN E 63 DOS 67 CONCELLOS LUCENSES ASINARÁN A VINDEIRA SEMANA OS CONVENIOS DE COLABORACIÓN PARA O COFINANCIAMENTO DA TELEASISTENCIA DOMICILIARIA

Estes convenios garanten a continuidade do servizo na maioría dos concellos da provincia

Lugo, 20 de xaneiro de 2013, A Vicepresidencia da Deputación de Lugo e 63 dos 67 concellos da provincia asinarán, a vindeira semana, os convenios de colaboración polos que se comprometen a cofinanciar ao 50 por cento o Servizo de Teleaistencia Domiciliaria e polos que se garante a continuidade na prestación do citado servizo tras a decisión do Goberno do Estado de suprimir a partida orzamentaria do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade que, a través do IMSERSO, se dedicaba ao cofinanaciamento deste programa que atende a máis de 1.500 lucenses.

O luns, 21 de xaneiro, ás 12:00 horas, o Museo Provincial acollerá o acto de sinatura dos convenios de colaboración entre a Vicepresidencia e os concellos da comarca centro de Lugo; un total de 36 que concentran a maior parte dos usuarios e usuarias da provincia, 849 persoas cunha media de idade de 80 anos, na súa maioría mulleres viúvas ou que viven soas. O mesmo convenio de colaboración asinarán os concellos da comarca da Mariña o martes 22 de xaneiro, ás 12:00 horas, no Museo do Mar. Nesta comarca todos os concellos aceptaron a proposta da Vicepresidencia, polo que os 334 usuarios e usuarias seguirán a ser atendidos pola Teleasistencia Domiciliaria 24 horas todos os días do ano. Os concellos da comarca do Sur de Lugo, en concreto 10, nos que se residen 287 usuarios e usuarias, rubricarán o seu compromiso o mércores 23, ás 12:00 horas, na Casa Consistorial de Monforte de Lemos.

Antonio Veiga, vicepresidente do ente provincial e delegado de Benestar Social, salienta a boa disposición dos alcaldes de diferente cor política para lograr este acordo que permite garantir un servizo con beneficios recoñecidos e valorados polos usuarios e por especialistas e insiste en que “este convenio de colaboración deixa en evidencia, unha vez máis, que a Deputación de Lugo e os concellos están a asumir competencias das cales abdicaron os gobernos galego e central e galego”.

Exit mobile version