Site icon Crónica3.com A Mariña

A Asociación Internacional de Estudos Galegos renuncia a asistir á entrega dos Premios da Cultura Galega 2012

A Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG), con preto de 200 socios e socias residentes nos cinco continentes, desiste de acudir á entrega dos Premios da Cultura Galega 2012 que terá lugar mañá xoves 21 de febreiro na Cidade da Cultura. A decisión tomada pola xunta directiva da asociación é un xeito de expresar o seu apoio aos traballadores e traballadoras das artes escénicas e musicais que se manifestan na Cidade da Cultura desde hai dous días, en solidariedade cun reclamo que atinxe a todas as persoas implicadas e comprometidas coa cultura de Galicia.

A AIEG foi galardoada na categoría de Promoción Cultural de Galicia nesta edición dos Premios da Cultura Galega, en recoñecemento polo seu traballo de espallamento dos estudos galegos por universidades de todo o mundo ao longo de case tres décadas (para máis información sobre a historia da AIEG, véxase: http://estudosgalegos.org/historia.php). Desde a AIEG agradécese a distinción, por canto dela son merecentes homes e mulleres, académicos e científicas, que ao longo dos últimos anos traballaron a prol dos estudos galegos a nivel internacional e, nomeadamente, polo avance da asociación.

Con todo, os recentes e acontecementos que están a ter lugar estes días na Cidade da Cultura (e mais concretamente, os enfrontamentos entre a policía e un grupo de profesionais das artes escénicas e musicais que se manifestaban en contra o desmantelamento da cultura galega e para esixir responsabilidades políticas) presentan unha nova conxuntura. Antes estas circunstancias, a xunta directiva da AIEG tomou a decisión de non acudir ao acto de entrega de premios.

Ante unhas circunstancias de previsible conflito, coa súa actitude a AIEG desexa manifestarlle dun xeito firme o seu apoio ao colectivo de persoas que se manifestan por un traballo digno para elas, polo futuro da cultura galega e por un futuro digno para todos e todas

Exit mobile version