Patricia López Eijo explica que “os participantes nesta campaña atenderán a unha explicación por parte das monitoras de Gaia sobre as principais especies pesqueiras da nosa zona, clasificación, tipos e variedades (atún, cabala, pescada, raia, rape, etc), as súas características e diferenzas. Posteriormente terán que ser creativos e pintar un peixe e explicar por qué pintaron ese peixe”.
A edil popular sinala que “a campaña Paint a fish pretende que as xeracións máis novas participen na protección das poboacións de peixes. Organismos internacionais incluídos ONGS, colexios e poboación en xeral a nivel internacional participan nesta actividade”.
As monitoras do Centro Gaia, pertencentes á Delegación de Medio Ambiente do Concello de Burela, son as encargadas de colaborar con esta campaña desprazándose aos centros de ensino e aos centros das distintas asociacións do concello e organizando os horarios dos grupos. López Eijo engade que “esta iniciativa que se leva a cabo a nivel europeo na que participan nenos de diferentes idades e poboación sen límite de idade, realizaron os seus debuxos de forma creativa e imaxinativa usando lapiseiros de cores para colgalos na web. Francia, Italia, Alemaña… son algúnss dos países que ao igual que España, concretamente Barcelona, Madrid, Sevilla, entre outras, decidiron participar e xa teñen colgados os seus debuxos na web”.
Nas próximas semanas, as monitoras do Centro Gaia colgarán os debuxos realizados por rapaces de Burela na web www.paintafish.com, creando desta forma unha poboación de peixes virtuais.
Os rapaces do CEIP VIRXE DO CARME participarán hoxe mércores e mañá xoves nesta campaña, en sesións dunha hora nas súas respectivas aulas. Hoxe serán os alumnos e alumnos de 3º A e 3º B e mañá tocaralles aos de 1º A, 1º B, 2º A e 2º B. No CEIP VISTA ALEGRE os rapaces que participarán nesta actividade serán os de 1º e 3º. Xa a vindeira semana, o martes 26 de febreiro, será a quenda para a asociación Camiña. E despois seguirá a Fundación Eu Son, aínda que neste caso a data está por determinar.