Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación presenta o plan “Fórmate en Verde” para crear emprego no rural

_77K1309O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, mantivo este martes no Concello de Viveiro un encontro con uns 40 representantes da industria da madeira da Mariña para presentarlles o plan Fórmate en Verde, a través do que o organismo provincial creará emprego e fixará poboación no rural, pois dará formación e asesoramento técnico especializado, de maneira totalmente gratuíta, a un mínimo de 900 lucenses para que creen ou reconvertan empresas vinculadas á agricultura e á gandería ecolóxica, así como ó aproveitamento forestal sostible. A iniciativa conta con 1 millón de euros de orzamento, financiados ó 80% pola Unión Europea.

Coa reunión de hoxe, a Deputación arranca a captación dos beneficiarios do programa de emprego. Para elo, a institución luguesa levará a cabo por toda a provincia accións de difusión en encontros profesionais, feiras e certames sectoriais, ademais de organizar xornadas informativas e obradoiros. Os interesados xa dispoñen tamén dende hoxe de toda a información sobre o programa na web provincial www.deputacionlugo.org. A inscrición abrirase a semana do 25 de febreiro e os cursos comezarán en marzo. Tódolos teñen capacidade limitada e as prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.

Segundo explicou o Presidente, desta oportunidade de futuro poderán beneficiarse un mínimo de 900 lucenses: desempregados, emprendedores, mozos, agricultores, gandeiros e estudantes de toda a provincia, excepto os censados no Concello de Lugo, pois son destinatarios doutros programas europeos.

Por comarcas

O encontro celebrado na Mariña estivo principalmente dirixido a organizacións e particulares vinculadas co sector da madeira porque será nesta comarca na que se impartan as accións formativas sobre a xestión forestal, dado o peso específico desta actividade na zona. O Presidente lembrou, neste senso, que Lugo é a provincia de maior importancia forestal en Galicia, ó concentrar o 35% do total da superficie galega de monte arborado (500.000 hectáreas); e dentro da provincia, A Mariña ten un gran peso neste eido, pois ten o 30% das empresas lucenses dedicadas ó sector da madeira.

Seguindo este mesmo criterio, as actuacións vinculadas á gandería ecolóxica terán lugar na zona centro da provincia, dado o importante número de explotacións de carne ou leite cos que contan os concellos das comarcas de Lugo, Terra Chá e A Fonsagrada. Cada municipio conta con entre 400 e 1.000 explotacións. O centro de referencia da formación será a Granxa Gayoso Castro.

Polo que respecta á agricultura ecolóxica, as accións desenvolveranse na Zona Sur, tendo en conta que nas comarcas de Chantada ou Lemos a superficie dedicada ó cultivo é de entre o 30 e o 50%, e que Monforte alberga a sede do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia. Neste caso, o Pazo de Tor será o centro de referencia.

A Deputación, comprometida co emprego

O Presidente subliñou a urxencia de impulsar iniciativas de calado coma esta, ante a “dramática subida do paro” que se está a producir en Galicia e na provincia: “Só no último ano, o desemprego aumentou na provincia en preto de 2.000 persoas, e hoxe hai 29.295 nas listas do Inem. Na Mariña, o número de parados chega case ás 6.000 persoas, un 8% máis que hai un ano”. Neste senso, Gómez Besteiro salientou que o organismo que preside está comprometido coa creación de emprego, poñendo como exemplos “o Pacto Provincial polo Emprego, co que demos traballo a un milleiro de persoas; o Plan Lugo Emprega, que empregou a 711 persoas, ou as 150 becas para xóvenes que levamos posto en marcha”.

Fronte a este compromiso, o mandatario provincial lamentou que a Xunta de Galicia teña outras prioridades, pois mentres a Deputación fixo un gran esforzo aumentando un 63% os fondos para políticas activas de emprego nos Orzamentos deste 2013, a Xunta de Galicia, con 100 veces máis de presuposto, rebáixaos este ano nun 40%.

Un programa con tres eixos

O plan de emprego Fórmate en Verte, con un ano de duración, ten tres eixos:

– Formación: que poderá ser presencial, a distancia ou mixta, e se impartirá entre os meses de marzo e outubro.
– Visitas prácticas a empresas xa consolidadas dos sectores agropecuario e forestal.
– E, posteriormente, asesoramento técnico especializado a tódolos participantes para crear empresas no rural vinculadas ós sectores forestal, gandeiro e agrícola. As persoas que queiran reconverter a súa explotación, diversificar a súa actividade ou ben poñer en marcha unha nova empresa, contarán con asesoramento continuo e especializado, dende a mesma concepción da idea, ata a súa saída ó mercado. Terán ademais á súa disposición unha canle de comercialización: a plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com da Deputación que conta hoxe con 80 empresas e 400 produtos e servizos.

Exit mobile version