A Vicepresidenta da Deputación, Lara Méndez, destacou que os chamados empregos brancos –os relativos á prestación de coidados sociosanitarios-, “son un dos poucos que seguen a xerar emprego e nos que se ten constatado un aumento tanto en número de traballadores coma de empresas que prestan servizos neste eido dende o comezo da crise”, cuns incrementos dun 26% e dun 5,5% dende o ano 2008, respectivamente. As previsións tamén son positivas: ata o 2015 prevese unha xeración de, a lo menos, 200.000 postos de traballo adicionais.
A Vicepresidenta lembrou que a institución provincial aumentou un 12% os fondos para servizos sociais en 2013, a maiores de consignar preto de 15 millóns de euros para a execución de residencias da terceira idade e centros de día próximos ós fogares dos usuarios, porque “non é só unha aposta polo benestar social, senón que tamén son un futuro de emprego”
Formación teórica e prácticas en empresas
Este curso conta coa particularidade de que é clave para poder continuar o itinerario formativo na familia profesional denominada “Servizos á comunidade” para aquelas persoas que carecen das Competencias Clave ou da titulación mínima esixida de Formación Profesional de I Grao ou equivalente.
Deste xeito, os participantes, que tan só debían posuír o Certificado de Escolaridade, contaron cun equipo de formadores de calidade composto por profesionais de diferentes disciplinas coma Fisioterapia ou Enfermaría, así como por técnicos especializados en inserción laboral, que complementaron os contidos específicos do curso con outros de carácter xeral e práctico enfocados á busca de emprego, coma o mellor xeito de elaborar un currículo ou como e onde buscar traballo, ben de xeito presencial ou ben co uso de ferramentas web.
Unha vez finalizada a parte teórica, a formación complementouse con prácticas en cinco recoñecidas empresas do eido sociosanitario, o que permitiu ós beneficiarios aplicar os coñecementos adquiridos e contar cunha experiencia previa que pasará a formar parte do seu currículo de cara á súa futura inserción laboral.