Site icon Crónica3.com A Mariña

A edil de Facenda de Cervo considera que o presidente da plataforma contra os abusos das eléctricas fala pola Deputación

Pedreira: “É sospeitoso que o presidente da Plataforma contra os abusos das eléctricas fale pola Deputación”

Cervo, 26 de febreiro de 2013-A edil de Facenda, Yolanda Pedreira, manifestou a súa sorpresa ante as declaracións do presidente da Plataforma de Afectados polos Abusos do Mercado Eléctrico, José Luis Moñita, que respondeu a unhas críticas do goberno local de Cervo contra a Deputación. Pedreira considera “moi sospeitoso que un particular fale pola Deputación e saia na defensa dos intereses dunha administración da que, queremos pensar, non forma parte”.

A edil explica que o goberno local denunciara en días pasados a mala xestión eléctrica da Deputación, que se ofrecera a ocuparse da contratación do subministro eléctrico do Concello e que, despois dun ano de espera, renunciou a facelo. “Nós en todo momento falamos da Deputación nunha mensaxe política dirixida a esta administración” engade Pedreira. “Por iso non entendemos por que o señor Moñita sae a rebater estas declaracións, algo que debería facer a Deputación” explica a edil.

Pedreira insiste en que esa era unha “demanda política que lanzaba unha administración local, o Concello de Cervo, a outra administración, a Deputación, e que ela mesma se podía defender”. Aínda así, a delegada de Facenda é consciente de que neste asunto “a Deputación pouco podía dicir, porque sabe que actuou mal, comprometéndose a prestar un servizo de contratación eléctrica conxunto para todos os concellos da provincia que non foi quen de levar adiante e que, no noso caso, provocounos un dano económico de máis de 7.000 euros”.

Aínda así, a responsable de Facenda asegura que “esta non é a primeira vez que o señor Moñita nos dá a entender que os seus intereses son partidistas e parece que o que busca é facer carreira política”. Pedreira explica como durante o último pleno da corporación de Cervo, o presidente da plataforma estivo “asesorando aos grupos da oposición”. Por todo iso, a edil asegura que o señor Moñita “debería abandonar a presidencia da plataforma para dedicarse á política, que segundo parece é un dos seus obxectivos”. Unha suxestión que Pedreira fai pensando “no ben dos seus socios e da plataforma en si, que é moi lícita e positiva por defender os dereitos dos consumidores”.

A edil asegura que “é unha mágoa que o presidente da plataforma utilice a visibilidade que lle dá ese posto para facer méritos políticos” e quere deixar claro que as súas declaracións “diríxense unicamente ao señor José Luis Moñita e en ningún caso contra unha plataforma totalmente beneficiosa e que está facendo unha boa labor de asesoramento aos cidadáns”.

Exit mobile version